O Sergas, finalista dos European public sector Awards 2025-26 pola súa compra pública de innovación

A candidatura foi presentada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), nunha edición que conta con 134 candidaturas de 30 países
chuo_ciruxia_robotica
15 Sep 2026

vA candidatura Estratexia galega de compra pública de innovación en Saúde do Servizo Galego de Saúde foi seleccionada entre os proxectos finalistas dos European Public Sector Awards 2025-26, uns premios organizados polo European Institute of Public Administration (EIPA) co apoio da Comisión Europea, para recoñecer iniciativas destacadas do sector público europeo.

A candidatura foi presentada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), en colaboración co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Sanidade, na categoría de Prestación de servizos centrados nas persoas a nivel subnacional.

Nesta edición presentáronse 134 candidaturas procedentes de 30 países, das que 108 corresponden a novos proxectos e 26 a iniciativas de anteriores edicións.

A candidatura galega opta a un dos tres premios na categoría de Prestación de servizos centrados no usuario, sendo a única do eido sanitario.

A candidatura galega foi seleccionada tras superar o proceso de avaliación realizado polo EIPA, que determinou os proxectos finalistas e os certificados de boas prácticas de cada categoría.

En concreto, na categoría de Prestación de servizos centrados no usuario a nivel subnacional, na que participaba o proxecto da administración sanitaria galega, presentaron a súa candidatura 36 proxectos. Deles 3 foron seleccionados como gañadores desta edición e a 8 deles concedéuselles o certificado de boas prácticas.

A estratexia do Servizo Galego de Saúde comparte fase final, con outros dous proxectos europeos. Por unha banda, BärGPT da Cancillería do Senado de Berlín, unha plataforma dixital baseada en IA deseñada especificamente para facilitar e acelerar o traballo diario dos funcionarios gobernamentais; e, por outra banda, Suma CivicData Engine, unha ferramenta dixital da Deputación de Alacante que axuda aos concellos a mellorar a xestión dos tributos.

O resultado final darase a coñecer o vindeiro 24 de setembro, durante a cerimonia que se celebrará en Maastricht (Países Baixos).

Máis dunha década impulsando a innovación en saúde

A candidatura pon en valor unha estratexia que o Sergas desenvolve desde 2012 e que converteu a compra pública de innovación nun instrumento para identificar necesidades non cubertas do sistema sanitario e impulsar o desenvolvemento de novas solucións.

O modelo parte das necesidades detectadas por profesionais, pacientes e outros axentes e incorpora o diálogo co mercado mediante consultas preliminares ao mercado antes de definir os procesos de contratación.

Esta traxectoria inclúe programas como Innova-Saúde, centrado no desenvolvemento de solucións avanzadas a nivel asistencial; Código 100, enfocado en transformar a atención médica para acadar un envellecemento activo e saudable; e Precisaúde, centrado na medicina 5P coa aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamentos personalizados.Entre 2012 e 2026, a Xunta destinou máis de 120 millóns de euros a programas que empregan a compra pública innovadora para impulsar a investigación e a innovación en saúde. Isto permitiu integrar a ferramenta na planificación do investimento do sistema sanitario, así como consolidar procedementos e equipos especializados.

A estratexia galega deu lugar a máis de 30 procesos de contratación de innovación, que permitiron desenvolver e incorporar solucións ao sistema público de saúde. Entre os resultados destacan a historia clínica electrónica IANUS, a receita electrónica e o sistema de teleasistencia TELEA, xa integrados na práctica clínica.

Tamén destacan outros proxectos como a plataforma E-Saúde, para o acceso da cidadanía aos recursos do sistema sanitario público galego, e a Plataforma Share, destinada á formación de profesionais e pacientes.

A candidatura tamén pon como exemplo UNI-VEC, un dispositivo cirúrxico desenvolvido a través da compra pública de innovación. Tras ser probado e validado no ámbito clínico, o dispositivo xa está plenamente desenvolvido e comezou a comercializarse noutras partes de España, ademais doutros territorios europeos como Portugal, Eslovaquia e Países Baixos.

As persoas interesadas poden consultar a páxina web oficial da EIPA para máis información.

0.41094493865967