O Sergas incorpora en Santiago o primeiro robot que realizará cirurxía de columna de alta complexidade

Ofrece unha precisión total que redunda nunha maior seguridade, mellores resultados clínicos e unha recuperación máis rápida para as persoas operadas
robot-cirugia-columna-santiago
21 Jul 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a incorporación ao Servizo Galego de Saúde do primeiro robot con navegación cinemática, que xa está plenamente operativo, e que realizará en Santiago de Compostela cirurxía de columna de alta complexidade.

O máximo responsable da sanidade pública galega, xunto co xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, coñeceu no Hospital Clínico este novo avance tecnolóxico que sitúa o Servizo Galego de Saúde na vangarda da cirurxía de columna a nivel internacional e supón un paso máis na aposta da Xunta pola innovación e a mellora asistencial.

O robot permitirá realizar 100 cirurxías ao ano e reducir ata en dúas horas as operacións complexas.

Tal e como detallou o conselleiro, trátase dun brazo robótico intelixente de última xeración que, incorporado á unidade de raquis, permite aos profesionais, altamente cualificados, realizar intervencións de columna con maior precisión, maior seguridade e cun enfoque minimamente invasivo.

Este avance tecnolóxico posibilita tratar de forma integral patoloxías moi complexas, deformidades estruturais, tumores espiñais ou desaxustes vertebrais avanzados.

Gómez Caamaño referiu que, grazas a unha tecnoloxía de seguimento que se adapta en tempo real aos movementos do paciente, o novo robot ofrece unha precisión total que redunda nunha maior seguridade, mellores resultados clínicos e unha recuperación máis rápida para as persoas operadas.

O conselleiro engadiu que este robot de alta precisión chega ao Hospital Clínico no marco do contrato de subministro de implantes de columna, froito dunha contratación pública ben planificada. Deste xeito, a súa cesión forma parte da oferta técnica presentada como mellora pola empresa adxudicataria, o que permite incorporar esta tecnoloxía sen custo engadido ao sistema sanitario público da nosa comunidade.

Na súa visita ao Hospital Clínico, o conselleiro explicou que o robot multidisciplinar xa demostrou a súa utilidade nas primeiras intervencións realizadas que concluíron con éxito e os pacientes evolucionan favorablemente sen complicacións, o que confirma o enorme potencial desta ferramenta para abordar patoloxías complexas de columna vertebral.

Estas intervencións son froito do traballo conxunto da unidade de raquis, que a conforman os servizo de neurocirurxía, cuxo xefe de servizo é Ángel Prieto, e o de traumatoloxía, que ten como responsable a José Ramón Caeiro, coa colaboración dos servizos de anestesioloxía e reanimación e unidade de dor, medicina física e rehabilitación, reumatoloxía, radioloxía (xeral e especializada en imaxe do aparello locomotor) e neurofisioloxía, así como de unidades de apoio como enfermería (xeral de hospitalización e especializada cirúrxica), traballo social e informática.

Aposta da Xunta pola cirurxía robótica

A incorporación deste robot non é un feito illado senón que forma parte da aposta decidida da Xunta pola cirurxía robótica que se está a seguir nos últimos anos. Galicia consolidouse como unha comunidade de referencia neste ámbito.

Na área sanitaria de Santiago de Compostela realizáronse máis de 1.720 intervencións de cirurxía robótica, das que 455 foron operacións de traumatoloxía, fundamentalmente de cadeira e xeonllo, e máis de 1.200 doutras especialidades, entre as que destaca a cirurxía de próstata.

Estes datos amosan que a robótica é unha realidade consolidada no Servizo Galego de Saúde e a Xunta seguirá a avanzar para que os pacientes teñan acceso ás mellores alternativas cirúrxicas e para que os profesionais conten coas ferramentas máis avanzadas para desenvolver o seu traballo.

O conselleiro incidiu en que este novo avance é posible en boa parte grazas ao modelo de contratación pública que está reforzar o Servizo Galego de Saúde, baseado na planificación e na compra centralizada.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu o compromiso, preparación e experiencia dos profesionais da unidade de raquis, así como de todos os equipos que fan posibles estas intervencións.

0.37392282485962