O Sergas publica as melloras laborais e retributivas do persoal médico de urxencias

O departamento sanitario incrementará en 5 euros o prezo da hora da xornada complementaria destes facultativos e retribuirá como festivo a quenda de noite da xornada dos venres
Sala-de-espera-de-Urxencias-HULA
29 Jun 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a orde pola se aproban o conxunto de melloras laborais e retributivas do persoal facultativo das Urxencias hospitalarias do Servizo Galego de Saúde.

Entre as medidas destaca o incremento de 5 euros no valor da hora da xornada complementaria, unha suba que se aplicará de xeito progresivo durante os anos 2026 e 2027, e con independencia de futuras subas a nivel estatal. Así neste mes de xullo, e de xeito retroactivo ao 1 de abril de 2026, aplicarase un incremento de 2 euros á hora, que acada os 34,56 € e, no ano 2027, engadirase un incremento adicional de 3 euros por hora, ata acadar os 37,56 €.

Do mesmo xeito, comezarase a retribuír a noite do venres como módulo pre-festivo, polo que, desde agora, esta quenda contará co mesmo tratamento retributivo que a noite do sábado-domingo.

En terceiro lugar, modifícanse os criterios de cómputo do réxime de descanso nesta categoría, aplicando estes cambios con efecto retroactivo ao 1 de xaneiro de 2026.

Outra das melloras publicadas fai referencia ao mantemento do servizo de localizacións establecido no plan de inverno sempre que o xustifiquen picos puntuais de actividade asistencial e co obxecto de asegurar a cobertura funcional do servizo ante eventualidades, minimizar os tempos de resposta e evitar a sobrecarga dos equipos que se encontren en presenza física.

O Servizo Galego de Saúde tamén se compromete a avaliar as cargas de traballo no último trimestre do ano, co obxectivo de adaptar os plans funcionais de cada servizo e así valorar posibles ampliacións nos cadros de persoal. Sobre este particular, o departamento sanitario da Xunta vixiará estreitamente a carga asistencial de todos os seus dispositivos de Urxencias para evitar as sobrecargas individuais, garantir unha distribución equilibrada de tarefas e asegurar a calidade da atención prestada.

Para levar a efecto o desenvolvemento dos acordos constituirase unha comisión de seguimento, conformada por representantes da Administración e un membro de cada organización sindical asinante, á que lle corresponderá resolver as cuestións que se susciten na interpretación e execución dos presentes datos retributivos.

0.32233095169067