O servizo de autobuses entre O Carballiño e Ourense refórzase con dúas novas frecuencias nas fins de semana e festivos

Os novos servizos circularán ao mediodía os sábados, domingos e festivos, mentres que tamén se adiantarán os primeiros horarios laborables e todos os autobuses das fins de semana sairán ou rematarán na estación intermodal
novas-liñas-ourense-carballiño
4 Aug 2026

Os novos servizos circularán ao mediodía os sábados, domingos e festivos, mentres que tamén se adiantarán os primeiros horarios laborables e todos os autobuses das fins de semana sairán ou rematarán na estación intermodal

A Xunta mellorará a partir do vindeiro 8 de agosto os servizos de autobús entre O Carballiño e Ourense coa incorporación de dúas novas frecuencias os sábados, domingos e festivos ao mediodía. Así o anunciou este martes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, durante unha visita á estación intermodal da cidade.

A ampliación do servizo permitirá dispoñer de tres conexións de ida cara a Ourense e outras tres de volta durante as fins de semana e festivos. As novas expedicións sairán ás 12.20 horas desde O Carballiño e ás 13.00 horas desde a estación intermodal de Ourense.

Os sábados, estas novas frecuencias completarán a oferta existente con conexións en horarios intermedios. Deste xeito, haberá saídas desde O Carballiño ás 10.15, 12.20 e 19.45 horas, mentres que os servizos de regreso partirán da estación intermodal ás 10.45, 13.00 e 20.30 horas.

Os domingos e festivos incorporarase unha conexión ao final da mañá en ambos os sentidos. As expedicións desde O Carballiño realizaranse ás 12.20, 19.45 e 20.15 horas, mentres que desde Ourense haberá saídas ás 13.00, 17.15 e 20.30 horas.

Ademais da incorporación destas novas frecuencias, a Xunta introducirá cambios noutros servizos da liña. De luns a venres, o primeiro autobús do día desde O Carballiño adiantará a súa saída cinco minutos, pasando a circular ás 7.45 horas. Pola súa banda, o primeiro servizo de regreso sairá da parada das Lagoas ás 8.30 horas, dez minutos antes do horario actual.

Outra das novidades afectará aos servizos das fins de semana e festivos, xa que todos os autobuses terán como inicio ou final de percorrido a estación intermodal de Ourense. Segundo explicou a Xunta, esta modificación responde á escasa demanda rexistrada na parada das Lagoas durante esas xornadas. Como consecuencia, as expedicións das 19.45 horas desde O Carballiño e das 20.30 horas desde Ourense deixarán de realizar o tramo entre a estación e As Lagoas, que ata o de agora funcionaba baixo demanda.

A información actualizada sobre horarios e servizos poderá consultarse nos portais de Transporte Público de Galicia e nas aplicacións móbiles oficiais do servizo.

0.24216318130493