O servizo de xestión do padrón municipal beneficia xa a 55 concellos de Pontevedra

Rafa Domínguez deu conta da aprobación do convenio co Concello de Poio para sumarse a esta iniciativa enmarcada na Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos, e que conta cun orzamento de máis de 360.000 euros
trabajo_internet_ordenador_recurso
21 Aug 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres ao convenio co Concello de Poio polo que se adhire ao servizo que ofrecerá aos concellos de menos de 50.000 habitantes unha novidosa solución tecnolóxica de padrón municipal de habitantes. O vicepresidente provincial Rafa Domínguez sinalou que tras esta incorporación “neste momentos xa son 55 os concellos adheridos a esta medida destinada aos municipios de menos de 50.000 habitantes”.

A prestación desta solución tecnolóxica para a xestión do padrón municipal de habitantes forma parte das medidas postas en marcha desde a Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos (OTAC). Este programa prevé a instalación, xestión de acceso e identificación dos diferentes perfís e autorizacións, así como a integración coa plataforma de administración electrónica municipal para facilitar trámites e reducir os tempos de espera. O proxecto tamén inclúe a integración do INE para o intercambio automático e seguro de datos, e ten unhas condicións económicas moi vantaxosas para os concellos.

Nestes momentos están adheridos os concellos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova de Arousa, dentro dun convenio marco que regula a colaboración cos municipios para poñer en marcha este servizo. O vicepresidente lembrou que “quedan moi poucos, pero seguimos dispoñibles a todos os concellos que o queiran solicitar”.

Rafa Domínguez celebrou o éxito desta iniciativa, destacando que “unha vez máis temos que alegrarnos da nosa xestión e da enorme resposta por parte dos concellos a todas as novidades que poñemos en marcha no marco desa OTAC”, unha oficina desde a que a Deputación traballa para conseguir “unha provincia eficiente, moderna e que ofreza servizos de calidade á cidadanía”.

0.31974697113037