O Sindicato Labrego Galego reclama axudas específicas para as pequenas hortas ante o impacto do cambio climático

A área vexetal do Sindicato Labrego Galego (SLG-Comisións Labregas) fixo público un comunicado no que reclama á Consellería do Medio Rural a posta en marcha de medidas de apoio específicas para as pequenas produtoras de froita e hortalizas de Galicia. A organización agraria sostén que este colectivo quedou tradicionalmente relegado nas políticas de axudas públicas, a pesar da súa relevancia económica, social e ambiental para o territorio.
Segundo explica o sindicato, a campaña de 2026 deixou patentes os efectos, tanto directos coma indirectos, do cambio climático sobre o sector hortofrutícola galego. Lembra que a horta supón o 17,5 % do valor da produción agraria total de Galicia e case o 43 % da produción vexetal, o que sitúa á comunidade como a cuarta autonomía española por valor económico desta produción.
Un clima cada vez máis extremo e irregular
O SLG-CCLL sinala que os últimos catro anos figuran entre os máis calorosos da serie histórica en Galicia, aínda que 2024 e 2025 tamén rexistraron precipitacións por riba da media, sen que iso evitase episodios de seca. A entidade lembra que xuño de 2025 foi o mes máis cálido da serie, con anomalías de 3 graos por riba da media, mentres que xuño de 2026 foi o segundo máis caloroso rexistrado, cunha desviación de 2,6 graos sobre o valor climatolóxico normal.
Para o sindicato, o problema de fondo non é unicamente a diminución das choivas ou o aumento das temperaturas, senón a crecente irregularidade e extremosidade do clima, que está a romper os ciclos habituais. Advirte de que episodios de choivas moi intensas se están a alternar con períodos de calor extremo, o que xera maior incerteza e dificulta a planificación das producións, co conseguinte risco de perda de prezo, calidade ou mercado.
Estrés térmico e maior presión de pragas
O sindicato detalla que os cultivos hortícolas de verán resultan especialmente vulnerables ao estrés térmico en determinadas fases do seu ciclo, o que reduce a súa produtividade e deteriora os froitos, minguando o seu valor comercial. O sindicato apunta que esta perda de calidade adoita quedar agochada, xa que as estatísticas de produción se centran habitualmente na cantidade e non no estado do produto.
Durante esta campaña, cultivos como o tomate e o pemento mostraron xa en xuño síntomas de estrés por exceso de calor. A organización matiza que a resposta non pode limitarse a incrementar o rego, especialmente nun ano no que as precipitacións foron escasas: hai apenas un mes, 107 concellos galegos mantiñan algún tipo de alerta por seca.
Ademais dos efectos directos do clima, o SLG-CCLL advirte dun impacto indirecto: a combinación de calor, humidade e cambios bruscos de temperatura favorece a aparición de novas pragas e enfermidades, así como o desprazamento doutras xa existentes cara a zonas onde antes non supoñían un problema, incrementando a presión fitosanitaria sobre os cultivos.
As pequenas explotacións, máis vulnerables e tamén clave
O sindicato subliña que o cambio climático golpea un sector que xa arrastra fraxilidades estruturais, como o reducido tamaño das explotacións, a escasa capacidade de investimento, as dificultades de acceso á terra, a falta de man de obra e os problemas para trasladar os custos de produción ao prezo final.
Neste sentido, a organización compara o impacto desigual dunha mesma seca: non afecta igual a unha grande finca capitalizada, con rega, infraestrutura e seguro agrario, que a unha pequena explotación diversificada que comercializa no mercado local. A pesar desta maior vulnerabilidade, o SLG-CCLL defende que a pequena produción labrega é tamén unha peza clave para facer o territorio máis resistente ao cambio climático, e que a agroecoloxía pode contribuír a acadar os obxectivos europeos de neutralidade de carbono fixados para 2050.
Un sector con menos apoio público có gandeiro
O sindicato denuncia que, a pesar do peso económico crecente da horticultura galega, esta conta cunha política de apoio público menos específica cá gandaría. Mentres o vacún dispón de pagamentos asociados á produción, axudas por animal, medidas agroambientais propias e mecanismos extraordinarios ante crises, a horticultura depende en maior medida de axudas horizontais, investimentos xerais e medidas agroambientais comúns.
Segundo o SLG-CCLL, aínda que o sector hortícola podería en teoría acceder a axudas como a PAC ou os plans de mellora, o deseño destas liñas e o tamaño medio das explotacións galegas deixan fóra á maioría, ao non acadar os mínimos esixidos. A organización pon como exemplo que unha pequena horta de dúas hectáreas que mantén a dúas persoas necesitaría realizar un investimento mínimo de 15.000 euros para poder optar a un plan de mellora.
A pesar destas limitacións, o sindicato insiste en que a horta representa o 17,5 % do valor da produción agraria galega e case o 43 % da produción vexetal, cun pagamento duns 660 millóns de euros ás produtoras que cultivan preto de 9.460 hectáreas. Ademais, destaca que, a diferenza do que ocorre noutros territorios, case a totalidade da produción hortícola galega se consome dentro da propia comunidade, exportándose menos do 2 %, agás no caso da pataca. Por iso, o SLG-CCLL considera que este é o sector que máis contribúe á soberanía alimentaria de Galicia e á resiliencia do sistema agroalimentario fronte ao cambio climático.
Peticións concretas á Consellería
O sindicato lembra que hai dez meses a Consellería do Medio Rural anunciou unha partida de máis de 172.000 euros para un novo programa de apoio a produtoras de froita e hortalizas, cuxo destino e aplicación asegura descoñecer. Segundo o SLG-CCLL, a pesar de tratarse dunha cantidade que cualifica de insuficiente, podería ter resultado de utilidade para as pequenas produtoras galegas.
Por todo isto, a área vexetal do sindicato traslada á Consellería do Medio Rural as seguintes demandas:
- Reservar unha partida orzamentaria suficiente e realista para o sector hortofrutícola.
- Adaptar o deseño das liñas de axuda para facilitar o acceso dos pequenos proxectos labregos, reducindo os límites de investimento e de superficie esixidos.
- Crear unha liña específica de axuda para adaptar os invernadoiros existentes ao novo escenario climático, mellorando a ventilación, incorporando estruturas de sombreado e sistemas de control climático automatizado.
- Habilitar unha liña de axuda destinada a melloras e investimentos de adaptación ao cambio climático nas explotacións hortofrutícolas, como a modernización dos sistemas de rega ou a incorporación de enerxías renovables.
- Pór en marcha un servizo público de asesoramento ao sector, centrado especialmente na adaptación e o control das novas pragas e enfermidades derivadas do cambio climático, ou, polo menos, recuperar as agrupacións de defensa vexetal, de forma equivalente ás agrupacións de defensa gandeira xa existentes.