O Sindicato Labrego Galego rexeita o plan mineiro da Xunta e advirte: “Non hai minería sustentábel”

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) cargou este xoves contra o anuncio da Consellería de Economía e Industria de convocar un concurso para a explotación de minerais críticos nas provincias da Coruña e Pontevedra, incluíndo proxectos mineiros como os de Corcoesto, San Finx e Santa Comba. A organización agraria advertiu de que continuará mobilizándose contra este tipo de iniciativas e asegurou que “non imos permitir que os plans da Consellería se leven a cabo”.
Nun comunicado difundido este 8 de maio, o sindicato considera que os chamados “plans sociais” anunciados pola Xunta son “unha cortina de fume” e insiste en que “non hai minería sustentábel”. Segundo defenden, a megaminería, tanto a ceo aberto como subterránea, provoca “impactos irreversíbeis sobre o territorio, a auga, a biodiversidade e, de xeito moi especial, sobre o emprego no sector agrogandeiro galego”.
O SLG sostén que a actividade mineira implica “o movemento de toneladas de terra, a xeración de residuos tóxicos, a contaminación de acuíferos e a alteración permanente da paisaxe”, polo que considera imposible falar dunha minería “responsábel, moderna ou sustentábel”. “Cando unha mina se instala nun lugar, ese lugar xa non volve ser o mesmo”, sinalan.
A organización tamén critica que, mentres a Xunta anuncia investimentos millonarios para proxectos mineiros, “a Consellería de Medio Rural deixa sen orzamento as incorporacións de mozas e mozos, ou directamente xa non as resolve como fixo coas do ano pasado”. Neste sentido, aseguran que “priorizar a minería mentres se abandona o agro é desertizar Galiza”.
O sindicato cuestiona ademais as previsións de creación de emprego asociadas aos proxectos extractivos e alerta de que “unha soa mina contaminante pode deixar sen traballo a decenas de granxas familiares nunha comarca”. Fronte ás promesas de postos de traballo no sector mineiro, o SLG defende o papel do sector primario como “o verdadeiro motor sostíbel do noso país”.
En relación cos chamados plans sociais vinculados ás explotacións mineiras, a organización considera que se trata dun intento de “branquear proxectos industriais moi destrutivos” e afirma que “ningún plan social pode recuperar un río morto, un acuífero contaminado, un pasto envelenado ou unha explotación gandeira arruinada”.
O Sindicato Labrego Galego tamén denunciou a modificación de distintas normativas autonómicas nos últimos anos, asegurando que se reduciron controis ambientais e prazos de exposición pública baixo o argumento da simplificación administrativa. Segundo explican, leis como a de fomento de iniciativas empresariais ou a de simplificación administrativa favoreceron a prioridade dos grandes proxectos industriais sobre os usos agrarios do territorio.
Na súa valoración, o sindicato advertiu directamente á Consellería de Industria de que atopará oposición social aos proxectos mineiros. “A conselleira pode cambiar leis, reducir prazos ou declarar proxectos estratéxicos. Pero vai atopar no camiño o mesmo que atoparon antes: a cidadanía organizada en fronte”, sinalan.
A organización lembrou as mobilizacións desenvolvidas durante as últimas décadas contra proxectos como a mina de ouro de Corcoesto, a mina de cobre de Touro, a de wolframio de San Finx, os proxectos de litio na provincia de Pontevedra ou outras explotacións previstas en distintos puntos de Galicia.
Finalmente, o SLG reafirmou o seu compromiso de continuar “mobilizándose nas rúas, presentando alegacións, levando os casos aos xulgados e defendendo o noso país” para impedir, segundo indican, que “a megaminería destrúa o rural galego”.