O SLG alerta da nefasta campaña 2026 que está a vivir o sector apícola e insta á Xunta a actuar de inmediato

O Sindicato Labrego Galego (SLG) alerta de que a produción de mel en Galicia se reducirá este ano en máis dun 50 % respecto de 2025, unha situación que, segundo a organización agraria, compromete seriamente a viabilidade económica de centos de familias que dependen da apicultura. A seca e a elevada incidencia da vespa velutina sitúanse entre as principais causas deste descenso, ás que se suman os efectos dos incendios, a varroa e as dificultades que atravesa o mercado do mel.
Coa campaña de esmelga xa avanzada, o SLG estima que este ano dificilmente se superarán as 2.000 toneladas de mel recollidas en Galicia, fronte ás preto de 4.000 toneladas rexistradas en 2025. A organización lembra que máis de 500 familias teñen na apicultura a súa principal fonte de ingresos e que noutras preto de 1.000 familias esta actividade representa máis do 25 % dos seus ingresos.
O sindicato advirte de que esta caída da produción agrava unha situación económica xa complicada para o sector, marcada polos baixos prezos do mel a granel e polo incremento das importacións. Segundo o SLG, estudos realizados a comezos de ano situaban o prezo do mel a granel no Estado por baixo dos catro euros por quilo, mentres que os custos medios de produción superaban os cinco euros. Ante esta situación, reclama que se calculen oficialmente os custos de produción e que se adopten medidas para impedir que as persoas produtoras teñan que vender por debaixo deles.
A organización tamén reclama un maior control nas fronteiras ante a entrada de mel importado. O SLG denuncia que o chamado fraude do mel está a xerar unha competencia desleal para as explotacións locais e lembra que xa reclamou o incremento dos controis físicos ás importacións. Segundo a organización, cando se realizaron mobilizacións no pasado mes de marzo, só se sometía a control físico unha parte das partidas que entraban na Unión Europea e máis da metade das analizadas presentaban indicios de fraude.
A seca e a vespa velutina agravan a situación
Entre os factores que explican o descenso da colleita, o SLG sitúa en primeiro lugar a seca dos últimos meses. A falta de chuvia reduciu a dispoñibilidade de néctar e acurtou os períodos de floración, dificultando a alimentación das abellas e reducindo a capacidade das colonias para producir mel. A organización lembra ademais que os incendios rexistrados o ano pasado afectaron amplas zonas do territorio e reduciron tamén os recursos alimentarios dispoñibles para as abellas.
A estes factores súmase a elevada mortalidade das colonias durante o inverno, relacionada en parte coa varroa destructor. O SLG sinala que este ácaro presenta cada vez maior resistencia aos tratamentos existentes e que o incremento das temperaturas está alterando os ciclos naturais das colonias, ao reducir os períodos de interrupción da posta que contribuían ao control da enfermidade.
Con todo, a organización considera especialmente preocupante o avance da vespa velutina. O sindicato asegura que en numerosas zonas a presenza do depredador se adiantou ata 40 días respecto do habitual, provocando importantes perdas económicas ao afectar directamente ás colonias de abellas. O SLG reclama unha resposta coordinada das administracións e lembra que leva máis dunha década advertindo sobre as consecuencias desta praga.
Segundo os seus cálculos, unha explotación de 200 colmeas pode acumular cada ano entre 2.000 e 4.000 euros en perdas derivadas da vespa velutina, unha situación que considera "inasumible" para as explotacións apícolas.
O sector busca unha fronte común
Ante esta situación, o SLG leva máis dun mes traballando para artellar unha fronte común do sector e reclamar medidas á Consellería do Medio Rural. O pasado 18 de agosto celebrouse en Compostela unha primeira xuntanza na que participaron boa parte das asociacións apícolas e organizacións agrarias, co obxectivo de coordinar propostas e accións ante o avance da vespa velutina e as perdas que acumula o sector.
A organización destaca a boa sintonía existente entre as entidades participantes e aposta pola elaboración dun manifesto conxunto que reclame maior investigación para combater a praga, axudas específicas para as explotacións e unha maior presenza da apicultura nas políticas agrarias.
O SLG sinala que este xoves, 3 de setembro, está prevista unha segunda reunión na que se pretende incorporar outras organizacións que non puideron participar no primeiro encontro. O obxectivo é avanzar cara a unha posición común que permita trasladar as demandas á Consellería do Medio Rural e aos concellos e, se é necesario, organizar novas mobilizacións durante o outono.
O SLG reclama incluír a apicultura nas axudas asociadas da PAC
O futuro da Política Agraria Común é outro dos ámbitos nos que o Sindicato Labrego Galego quere centrar as súas demandas. A organización asegura que trasladou ao Ministerio de Agricultura as súas propostas sobre os futuros regulamentos europeos da PAC e da Organización Mundial do Comercio, facendo especial fincapé na necesidade de incorporar a apicultura ás axudas asociadas á produción.
O SLG considera que o sector debe contar cunha axuda específica similar á existente noutras actividades gandeiras, como o vacún de carne ou de leite. A organización defende que as persoas apicultoras desempeñan un papel fundamental na polinización e no mantemento dos ecosistemas e que, nun contexto de cambio climático e caída continuada das colleitas, é necesario garantir o apoio público á actividade.
Para o sindicato, o actual debate en Bruxelas sobre o futuro da PAC representa unha oportunidade para conseguir que a apicultura teña un maior peso nas políticas agrarias dos próximos anos. O SLG considera que a redución das producións provocada polo cambio climático fai imprescindible establecer unha axuda vinculada á produción que permita garantir a continuidade das explotacións apícolas galegas.