O SLG alerta de que o aumento do Bono Coidado consolida un modelo de dependencia que sobrecarga as familias

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) mostrou a súa preocupación polo aumento de case 100 millóns de euros destinado ao Bono Coidado nos orzamentos da Xunta para 2027, anunciado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. A partida alcanzará os 277,7 millóns de euros, unha decisión que, segundo a organización, consolida un modelo baseado en prestacións económicas de baixa contía, mentres se reducen os servizos profesionais e aumenta a carga das familias, especialmente das mulleres do rural.
O sindicato lembra que a prestación económica para coidados no contorno familiar está recollida na Lei de Dependencia desde 2006 e que existe en todas as comunidades autónomas. A novidade en Galicia, sinala, é o uso masivo dunha axuda que a normativa establece como excepcional, ata convertela na principal vía de atención ás persoas dependentes.
Os datos do período comprendido entre 2023 e 2026 reflicten esta evolución. As prestacións económicas para coidados familiares medraron un 150,84 %, ao pasar de 17.277 a 43.338, mentres que o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) descendeu un 30,18 %, de 25.763 a 17.987. Así, hai máis do dobre de persoas que reciben unha prestación económica para ser coidadas na casa que persoas atendidas polo servizo profesional de axuda no fogar.
O SLG cuestiona tamén que o incremento do financiamento estatal se traduza nunha mellora efectiva da atención. Galicia recibiu en 2026 un 35,50 % máis de fondos estatais que en 2025, pero o sindicato advirte de que a redución das listas de espera non garante que as persoas dependentes reciban os servizos que precisan. Segundo denuncia, moitos expedientes péchanse mediante prestacións económicas en lugar de facilitar atención profesional.
A organización lembra que, a 31 de agosto de 2026, máis de 5.000 persoas tiñan aprobado un servizo pero aínda non o recibiran: 4.129 agardaban polo Servizo de Axuda no Fogar, 303 por unha praza nun centro de día e 605 por atención residencial. Para o sindicato, esta situación empurra moitas familias a recorrer á prestación económica porque non dispoñen doutras alternativas.
O SLG tamén alerta da dimensión de xénero deste modelo. En Galicia, o 77,1 % das persoas coidadoras non profesionais son mulleres, unha porcentaxe superior á media estatal, situada no 71,9 %. Ademais, máis da metade destas coidadoras teñen entre 50 e 66 anos, mentres que un 15,74 % teñen entre 67 e 79 anos. A organización considera que a falta de servizos no rural fai que moitas mulleres asuman os coidados practicamente en solitario, o que dificulta a súa incorporación ao mercado laboral e limita as súas posibilidades de descanso.
Ante esta situación, o Sindicato Labrego Galego reclama un cambio de rumbo que priorice os servizos profesionais fronte ás prestacións económicas, amplíe a atención pública e cree emprego no sector dos coidados. «Coidar ten que ser unha elección, non unha condena», sostén a organización, que considera que o sistema actual traslada ás familias, e especialmente ás mulleres, unha responsabilidade que debería contar cunha resposta pública suficiente.
O sindicato conclúe que o aumento da partida do Bono Coidado non supón por si mesmo unha mellora do sistema de dependencia e reclama unha atención pública, profesional e de calidade que permita ás persoas dependentes e ás súas familias elixir como recibir os coidados.