O SLG reclama medidas urxentes para garantir o futuro das granxas galegas

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG), a gandeira María Ferreiro, compareceu esta mañá na Comisión non permanente especial de estudo sobre os factores que inflúen no prezo do leite en Galicia e as dificultades para aplicar na práctica a normativa de contratación alimentaria no sector lácteo.
Ao comezo da súa intervención, Ferreiro puxo en valor a importancia do sector lácteo para Galicia, tanto para as explotacións que viven da produción como para o conxunto da economía e a vertebración social do territorio. Segundo explicou, trátase dun sector fundamental para manter a actividade en moitos concellos e evitar o seu despoboamento.
A responsable do SLG destacou tamén dous conceptos fundamentais: o dereito á alimentación e a soberanía alimentaria. O primeiro, recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, implica o dereito das persoas a alimentarse con dignidade e con alimentos sans e nutritivos. Pola súa banda, a soberanía alimentaria defende o dereito dos pobos a definir as súas propias políticas agrícolas e alimentarias, priorizando a produción local e o acceso a alimentos saudables. Un concepto promovido pola organización Vía Campesina, da que forma parte o SLG, desde 1996.
Menos granxas e prezos do leite por baixo da media estatal
Durante a súa intervención, María Ferreiro alertou sobre a desaparición continuada de explotacións gandeiras nos últimos anos. «No 2025 baixamos das 5.000 granxas produtoras de leite, unha cifra impensable para moitas e moitos hai anos», afirmou.
A pesar de que Galicia continúa a ser a comunidade autónoma con maior produción de leite do Estado español, e de que as súas explotacións representan o 42 % das granxas leiteiras estatais, a secretaria xeral do SLG advertiu de que o sector segue a perder capacidade produtiva e económica.
Ferreiro sinalou que o prezo medio do leite galego se sitúa habitualmente por baixo da media estatal. Así, segundo os datos citados na súa intervención, no mes de xullo o prezo medio ponderado en Galicia foi de 44,38 euros por cada 100 litros, sen IVE, fronte aos 46,40 euros do conxunto do Estado e aos 49,10 euros de Asturias.
«Cómpre valorar as medidas adoptadas e facer propostas. Se queremos que Galicia siga sendo unha das rexións máis importantes na produción de leite, precisamos defender o sector lácteo e os sectores produtivos galegos», afirmou.
Unha normativa que debe garantir a negociación e os custos de produción
A secretaria xeral do SLG lembrou diferentes conflitos e medidas adoptadas no sector ao longo dos últimos anos, entre eles o acordo para a sustentabilidade e estabilidade do sector lácteo, asinado en setembro de 2015, e o paquete lácteo, que introduciu obrigas relativas aos contratos e á súa duración.
Ferreiro sinalou que, aínda que estas medidas supuxeron avances, quedaban pendentes aspectos fundamentais como as condicións de fixación do prezo e a negociación entre produtoras, produtores e industria.
Tamén se referiu ao papel das organizacións de produtores de leite (OPL), que, segundo explicou, non conseguiron desenvolver negociacións con consecuencias suficientes para as persoas produtoras, a pesar de contar con financiamento público para a súa posta en marcha.
A responsable do SLG reclamou a aplicación efectiva da Lei da Cadea Alimentaria e a elaboración de estudos públicos sobre os custos de produción con suficiente antelación para que os seus resultados poidan ser tidos en conta nos contratos posteriores. «Para nós, como persoas produtoras, é importante unha lei que recoñeza que se ten que manter a cadea de valor e que non podemos vender por baixo dos custos de produción», afirmou.
Neste sentido, criticou a falta de ferramentas eficaces para protexer as gandeiras e os gandeiros e garantir o cumprimento da normativa.
«Que modelo de granxas queremos?»
Nun contexto marcado polo incremento dos custos de produción e pola inestabilidade internacional, María Ferreiro trasladou á Comisión dúas preguntas que considera fundamentais para abordar o futuro do sector: «Que modelo de granxas queremos? Até onde estamos dispostas a perder e pechar granxas?».
A secretaria xeral do SLG denunciou a dependencia das explotacións dos insumos externos e o impacto que teñen os conflitos comerciais e bélicos sobre a actividade agrogandeira. Como exemplo, referiuse ao incremento do prezo do gasóleo agrícola, que, segundo os datos expostos, aumentou un 45,6 % entre febreiro e comezos de setembro, pasando de 0,96 a 1,40 euros por litro.
Para Ferreiro, esta situación pon de manifesto a necesidade de adoptar políticas públicas que garantan a viabilidade das explotacións e permitan manter a actividade agraria no territorio.
O SLG reclama mesas de negociación con todas as partes
Entre as medidas propostas, o Sindicato Labrego Galego defendeu a continuidade das mesas de negociación nas que estean representadas as persoas produtoras, a industria e a distribución.
O obxectivo destas mesas sería establecer un espazo de diálogo e seguimento que permita garantir o cumprimento da cadea de valor e unha distribución equilibrada dos riscos e beneficios entre as diferentes partes do sector.
A organización considera que a negociación debe permitir abordar os custos de produción e mellorar a capacidade das explotacións para defender os seus intereses fronte á industria e á distribución.
Propostas para garantir o futuro do sector lácteo galego
Na parte final da súa intervención, María Ferreiro presentou as principais propostas do SLG para salvagardar o futuro das granxas galegas. Entre elas, reclamou unha identificación clara da orixe dos produtos na etiquetaxe, con especial apoio ao produto galego e local, así como o cumprimento do paquete lácteo e a estabilidade dos contratos.
O sindicato tamén defendeu o apoio público e administrativo ás iniciativas de transformación e comercialización directa, co obxectivo de reducir a dependencia dos intermediarios e favorecer que as explotacións poidan obter un maior valor engadido pola súa produción.
Outra das prioridades sinaladas foi o relevo xeracional, mediante políticas públicas que garantan a incorporación de novas persoas ao sector e a continuidade das explotacións.
En relación coa Política Agraria Común (PAC), o SLG reclamou o mantemento do segundo PIAR e que Galicia poida definir as súas propias prioridades dentro desta política, cun orzamento sólido e garantido.
A organización tamén alertou sobre a perda de superficie agraria útil (SAU) en Galicia. Segundo os datos citados por Ferreiro, a comunidade perdeu 265.000 hectáreas de SAU nas últimas tres décadas e 120.000 desde 2005. «Neste momento estamos por debaixo do cuarto da superficie como SAU», explicou.
Ante esta situación, o SLG considera necesario impulsar políticas públicas que apoien os mercados locais, as iniciativas de transformación e comercialización, a transición agroecolóxica e unha agricultura e gandería máis resilientes.
Finalmente, a secretaria xeral reclamou que se preste especial atención aos efectos do cambio climático e á aparición de novas enfermidades que afectan o gando, co obxectivo de garantir a sustentabilidade e a continuidade das explotacións galegas.