O socialista Carlos Font denuncia un "maltrato sistemático" ao persoal da Xunta

O deputado socialista Carlos López Font alertou no pleno do Parlamento galego do “caos” do Goberno de Rueda respecto da xestión dos recursos humanos da Xunta. “O que vemos cada día é unha Administración instalada no caos, na improvisación, na falta absoluta de planificación e no maltrato sistemático ao se principal activo, que é o seu persoal”, sinalou.
Font fixo un repaso dos problemas que afectan á función pública galega, como os atrasos de anos nos concursos de traslados, a coincidencia de procesos selectivos, estabilizacións, promocións internas e tomas de posesión, o abuso das comisións de servizos, a inseguridade xurídica, os conflitos xudiciais “e a incerteza que sofren milleiros de empregados públicos”.
O parlamentario do PSdeG asegurou que o PP, especialmente nos últimos mandatos, converteu a función pública galega “nun auténtico laboratorio de improvisación” que ten consecuencias coma anos de espera por procesos sen resolver, persoas afectadas pola promoción interna “que quedan relegadas ao final” ou unidades administrativas “sometidas a unha mobilidade masiva”.
A todo iso únese, segundo denunciou, a ausencia de negociación real coas organizacións sindicais porque o conselleiro “prefire a folla de cálculo que escoitar”, desprazando ao persoal ao “segundo, terceiro ou cuarto lugar nas súas prioridades”.
Font criticou, nese senso, a “deriva autoritaria” e o “desprezo ao diálogo social”, unidos a unha “falla de liderado político”. “Non hai modelo, non hai rumbo, non hai planificación e non hai proxecto”, sentenciou.