O Supremo blinda o carácter público do Pazo de Meirás e abre a porta a indemnizar os Franco

O Tribunal Supremo puxo o punto final á batalla xudicial pola titularidade do Pazo de Meirás e confirmou por unanimidade a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que atribuía ao Estado a propiedade das Torres de Meirás e das fincas incluídas no recinto. A resolución desestima todos os recursos presentados e consolida definitivamente a reversión ao patrimonio público dun enclave central na memoria política e patrimonial de Galicia.
Os maxistrados conclúen que, desde 1938, o pazo estivo destinado ao servizo da xefatura do Estado, cun funcionamento semellante ao do Pardo, polo que os seus moradores non puideron posuílo en concepto de donos, cando menos ata a década dos 90, cando cesou toda prestación administrativa. Con esa base, o alto tribunal pecha a porta á usucapión invocada pola familia Franco e tamén descarta que existise unha desafectación tácita que fixese perder ao inmoble a súa condición de ben de dominio público.
O Supremo, porén, mantén o criterio da Audiencia sobre a 'boa fe' dos herdeiros do ditador. Faino porque lembra que a propia demanda do Estado asumía expresamente esa condición e, en consecuencia, recoñecía o dereito a ser resarcidos polos gastos necesarios e útiles realizados na finca. A contía non queda fixada agora: deberá concretarse na execución da sentenza e os descendentes de Franco terán que acreditar que desembolsos poden ser indemnizados.
A sentenza foi recibida con satisfacción polas principais forzas políticas e representantes institucionais. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou a resolución como unha 'batalla moi importante' gañada pola cidadanía galega e reivindicou que quedou demostrado que Meirás 'non era propiedade da familia Franco, senón dos galegos e das galegas'. Ademais, defendeu que o pazo debe ser transferido a Galicia, abrirse ao conxunto da cidadanía e consolidarse como un espazo de memoria. A líder nacionalista tamén amosou o seu rexeitamento a que os herdeiros do ditador poidan ser indemnizados.
Na mesma liña, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou que o Supremo confirmase que o inmoble 'é propiedade do Estado e non da familia dun ditador que tratou de facerse con el a través dun fraude'. O líder socialista sostivo que esta vitoria xudicial foi posible pola coincidencia de gobernos progresistas na Deputación da Coruña e no Estado, e chegou a afirmar que 'tivo que haber un cambio a un Goberno socialista para que a recuperación do pazo fose posible'. Besteiro puxo ademais o foco na dimensión reparadora do fallo e subliñou que supón unha nova reafirmación de Meirás como lugar de memoria democrática e reparación para as vítimas da represión.
Desde a Deputación da Coruña, o presidente Valentín González Formoso expresou tamén a súa satisfacción por unha sentenza que, ao seu xuízo, devolve Meirás 'ás mans das que non debera ter saído, as do pobo galego'. O dirixente provincial reivindicou o traballo iniciado en 2017 xunto coa Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e subliñou que o Tribunal Supremo coincide cos informes xurídicos, técnicos e históricos elaborados pola institución, que sempre defenderon a natureza pública do inmoble. Na mesma liña, a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, interpretou o fallo como a confirmación de que a ditadura funcionou tamén como unha 'maquinaria organizada de enriquecemento particular duns poucos'.
Tamén o delegado do Goberno en Galicia saudou a decisión xudicial e asegurou que o fallo confirma que o Pazo de Meirás 'é de todos os galegos e as galegas e de todos os españois e españolas'. Nas súas declaracións, definiu a resolución como un exercicio de 'democracia' e 'xustiza' e incidiu en que o inmoble regresa ao patrimonio común, polo que chamou a celebrar unha decisión cargada de simbolismo político e histórico.
A decisión chega, ademais, cun Meirás xa incorporado ao circuíto público de visitas. O inmoble foi declarado ben de interese cultural en 2008 e hoxe conta cun percorrido oficial que explica tanto a etapa de Emilia Pardo Bazán como o seu uso institucional durante a ditadura. Ese itinerario inclúe os exteriores, o hall, a capela, os xardíns e a Casa de Josefa Portela, presentada como exemplo do espolio sufrido por familias labregas integradas no 'complexo de Meirás' en 1938. En paralelo, o Estado incoou en 2025 o procedemento para declaralo Lugar de Memoria Democrática.
Nese contexto, o fallo non só pecha un litixio de gran carga simbólica, senón que reforza o debate sobre o futuro dun espazo chamado a combinar conservación patrimonial, divulgación histórica e reparación democrática. A maiores, a Deputación da Coruña vén de activar unha liña de 150.000 euros para que os concellos retiren simboloxía franquista, impulsen actividades e sinalicen espazos da memoria, un movemento que encaixa coa nova etapa que se abre agora para Meirás.