O Teatro Principal acolle o 9 de marzo a entrega dos premios ‘Mulleres de Compostela’ polo 8M

O Concello de Santiago recoñecerá a traxectoria de dez mulleres referentes da cidade nunha gala que se celebrará o luns 9 ás 19.00 horas
Mulleres de compostela
2 Mar 2026

O Concello de Santiago de Compostela conmemorará o Día Internacional das Mulleres cunha gala no Teatro Principal de Santiago, onde o luns 9 de marzo ás 19.00 horas se celebrará a entrega dos premios ‘Mulleres de Compostela 2026’.

O acto recoñecerá a traxectoria persoal e profesional de dez mulleres —correspondentes a oito candidaturas, unha delas colectiva— naturais de Compostela ou que desenvolven a súa actividade na cidade. As persoas interesadas en asistir deberán solicitar butaca enviando un correo electrónico a protocolo@santiagodecompostela.gal.

A lista de premiadas foi aprobada polo Consello Asesor de Condecoracións e ratificada no Pleno municipal de febreiro, xunto cunha declaración institucional polo 8M.

Entre as recoñecidas atópanse o colectivo As Fillas Bravas de Momán —Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza González— polo seu traballo de recuperación da memoria e da música tradicional desde unha perspectiva feminista; a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, pioneira da sanidade pública galega e primeira alcaldesa accidental de Santiago; a divulgadora Merche Espiño; e a economista María Loureiro, catedrática da USC e experta en economía ambiental.

Tamén serán distinguidas a comerciante Luísa Ríos, referente do barrio de San Pedro; Diana Parente, primeira muller inspectora principal da Policía Local en Galicia; a avogada Isabel Castillo, especializada en Dereito de Familia e defensa dos dereitos civís; e Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana de Santiago, cunha ampla traxectoria institucional e social.

Coa entrega destes premios, o Concello pon en valor o papel das mulleres na construción social, cultural, económica e institucional de Compostela.

0.36869120597839