“O territorio está xa masificado de eólicos que parten a paisaxe”

Cando naceu a asociación?
A acta fundacional asinámola o 2 de xullo. Pero a cousa vén de antes: un par de meses atrás xa andabamos xuntos como plataforma veciñal, sen máis. Ao ver que responder a todo o que estaba a chegar coa eólica ía levar tempo, e que necesitabamos poder actuar tamén no legal, decidimos darlle forma e rexistrarnos.
Como xurdiu a idea?
Empezou pola preocupación. Estanse a xuntar demasiados parques nun anaco de territorio moi pequeno, e ademais tramítanse por separado, sen mirar o que supón todo iso xunto: os hábitats, a biodiversidade, o patrimonio, a paisaxe. Houbo un caso que o deixou claro para todos, a nova subestación de Ludrio, pegada ás casas. Xa non era algo lonxano. Era a vida do día a día da xente. A partir de aí tivémolo claro. Se queriamos defender isto, tiña que ser desde o territorio: saíndo a coñecelo, dando a coñecer eses lugares de valor que non poden acabar afectados por estes proxectos. E defender tamén á xente que vive aquí, o seu modo de vida e o dereito a seguir habitando estes lugares con tranquilidade.
Como se escolleu o nome?
Queriamos un nome en galego que falase de nós, da terra e da xente que a vive. Raíces do Vento saíu diso. O vento é o que veñen aproveitar. As raíces somos nós: as persoas, as familias, a lingua, a memoria, todo o que nos amarra a este sitio. Vén sendo a nosa maneira de dicir que non se pode traer o futuro arrincando o que nos sostén. E, aparte, foi o nome que máis nos gustou a todos.
Cantos socios a forman e de onde son? Está en crecemento?
Agora mesmo somos 29. E de sitios ben distintos da provincia: Lugo, Pol, Castro de Rei, Riotorto e algún máis. Iso di moito, porque demostra que esta preocupación non é dunha soa zona. Crecendo estamos: empezamos sendo 17 e cada actividade trae xente nova.

Cal é a situación eólica da provincia ou da comarca? Que opinión lles merece?
Preocúpanos, e moito. O territorio está xa masificado de parques, coas súas liñas de evacuación, que ocupan e parten a paisaxe moito máis do que a xente cre. E aínda quedan por chegar os que están en proxecto, que só van agravar unha saturación que xa se ve a simple vista. O que máis nos doe é o dos estudos de impacto ambiental. Na nosa experiencia son moi deficientes. Minimizan os efectos reais, non teñen en conta o que supón acumular tantos parques xuntos e acaban sendo inxustos co territorio e con quen o habita. Que quede claro: non estamos contra as renovables. Estamos contra esta forma de metelas, sen planificación e sen respecto polo que hai aquí.
Creo que xa iniciaron as actividades con dúas experiencias, en que consistiron?
Así é. A primeira foi o I Bioblitz dos Lagos de Teixeiro, o 30 de maio, cando aínda eramos plataforma. Foi unha xornada de ciencia cidadá para observar, identificar e rexistrar a biodiversidade —fauna, flora e microbiota— dos Lagos de Teixeiro, o bosque de San Fitorio, A Meda e Barredo, e ir apuntándoo todo en iNaturalist. Non o fixemos sós. Botáronnos unha man xente experta de varias asociacións naturalistas: a Sociedade Micolóxica Lucus, SOCEME, o Grupo Naturalista Hábitat, ADEGA e Morcegos de Galicia. Grazas a elas os asistentes puideron entender mellor a riqueza que hai arredor. E o resultado foi para gardar: 558 observacións que amosan, con feitos, o que ten este territorio. A cousa non rematou ese día. Segue viva no proxecto paraugas “Biodiversidade Lugo Noroeste”, que vai sumando observacións co tempo. A segunda foi o Roteiro polo Camiño Rexio, o 18 de xullo, con saída en Duancos e chegada ao Castro de Viladonga. A andaina gañou moito coa compañía do historiador Ricardo Polín, e coa visita ao Castro de Viladonga da man do arqueólogo e socio Álvaro Pérez. Entre os dous puxéronlle contexto histórico e patrimonial ao camiño e a todo o que atravesa. As dúas as entendemos igual: sitios para coñecer, compartir e defender o territorio, aprendendo xuntos e facendo comunidade.
Cales queren poñer en marcha nun futuro?
Xa temos dúas confirmadas. A primeira será o 11 de outubro: unha ruta micolóxica pola Carballosa, unha carballeira impresionante de preto de 70 hectáreas. Imos ter a sorte de percorrela co micólogo Jose Castro, que nos irá amosando todo o que agocha ese bosque, que é moito e moitas veces pásanos desapercibido baixo os pés. A segunda será o 29 de novembro: unha ruta polas lagoas de Caque e de Cospeito. Ven con nós Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, e da súa man iremos coñecendo a vida que hai neses humidais. Son lugares cheos de biodiversidade que moita xente ten ao lado e nunca chegou a mirar de verdade. Máis adiante iremos dando todos os detalles a través das nosas publicacións, cando anunciemos cada actividade.
Que necesidades teñen?
Xente. Máis que nada, xente. Persoas dispostas a colaborar e, sobre todo, a dar a coñecer o lugar onde viven: eses recunchos que cada quen leva na memoria e que moitas veces non coñece máis ninguén. Cadaquén é o que mellor coñece a súa terra. Se cada un achega o seu, entre todos imos tecendo unha rede que une lugares, saberes e vontades. A idea é esa. Que ninguén teña que defender o seu recuncho en solitario, senón que todos nos sintamos parte dun mesmo territorio que paga a pena coidar. Canta máis xente sume, máis forte é a rede. E máis difícil que o que temos aquí se perda sen que ninguén se dea conta.
Contan con axuda para manter a asociación activa?
Temos a sorte de que a xente da asociación mira toda para o mesmo lado, e iso xa é moito. Tiramos adiante co traballo voluntario de cadaquén e, sobre todo, coas cotas dos socios. Son as que nos permiten funcionar. E hai algo que nos alegra especialmente: arredor está a xuntarse un grupo de colaboradores que non para de medrar, actividade tras actividade. Xente que se achega e que despois decide quedar. Esa é para nós a mellor axuda, porque non se mide en cartos.
Como se fai un socio?
Moi doado. O primeiro que pedimos, e que agradecemos, é que a xente lle bote unha ollada á web, raicesdovento.org. Alí está quen somos, o que defendemos e as actividades que imos facendo. E tamén como sumarse. Despois é tan sinxelo como encher un formulario e pagar a cota. Con ese pequeno paso xa se forma parte da asociación e xa se axuda a coidar este territorio.
Que aceptación están a ter?
A acollida está sendo boa, e iso anímanos. O que máis custa é outra cousa: poñer unha asociación a andar. Hai moitísimo traballo que non se ve, todo o que leva darlle forma a algo así desde cero. Por iso, ata agora, boa parte do esforzo foi ese, ir asentando as bases. Non temos unha meta pechada nin présa por chegar a ningures. Preferimos ir marcando o ritmo segundo a xente que se vai sumando, pouco a pouco. Ao cabo, unha asociación coma esta é o que sexan os seus socios. Con cada persoa que chega temos tamén máis forza e máis ganas de seguir.