O traballo gañador do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais darase a coñecer o 20 de xuño

O XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais está a ultimar a valoración dos traballos presentados a esta edición, cuxo gañador se dará a coñecer o próximo 20 de xuño, data na que o xurado se reunirá para decidir o proxecto galardoado.
O certame, que conta cunha dotación de 6.000 euros e a publicación da obra gañadora, reúne nesta convocatoria un total de oito traballos.
O órgano encargado da avaliación está integrado por representantes das distintas entidades colaboradoras. Nesta edición forman parte do xurado Teresa Devesa Graña, en representación do Concello de Allariz; Joaquim Vázquez Rodríguez, polo Concello de Melide; Manoel Carrete Rivera, polo Concello de Castro Caldelas; César Fernández Gil, pola Deputación Provincial de Ourense; Felisa Rodríguez Prado, pola Universidade de Santiago de Compostela; Antón Palacio Sánchez, pola Universidade de Vigo; e Isabel Mociño González, do Padroado da Fundación Vicente Risco, que exerce como secretaria.