O Trail Entre Castelos Rías Baixas reúne 800 participantes nunha fin de semana de deporte e actividades en Soutomaior

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana o Trail Entre Castelos Rías Baixas, unha proposta deportiva e de lecer que reunirá preto de 800 persoas participantes e contará cunha ampla programación de actividades para todos os públicos.
O evento desenvolverase entre o Castelo de Soutomaior e o Castelo de Sobroso, combinando deporte, patrimonio e promoción do territorio nunha iniciativa única en España.
A xornada do sábado terá como escenario o Castelo de Soutomaior, onde entre as 11:00 e as 18:00 horas se realizará a recollida de dorsais. Pola tarde, a partir das 15:30 horas, desenvolveranse actividades infantís nos xardíns do recinto, con propostas como pintacaras, obradoiros de pintura e xogos tradicionais.
Ás 16:30 horas celebrarase o trail infantil, no que participarán 75 nenas e nenos divididos por idades. A entrega de trofeos terá lugar ás 17:30 horas.
Posteriormente, ás 17:45 horas, o triatleta galego Pablo Dapena ofrecerá unha charla na que repasará a súa traxectoria deportiva, desde os seus inicios ata o alto rendemento, compartindo tamén reflexións sobre deporte e saúde e consellos para as persoas asistentes.
Xa o domingo, ás 10:00 horas, arrancará desde o Castelo de Sobroso o trail principal de 26 quilómetros, no que participarán arredor de 500 persoas. O percorrido atravesa espazos de gran valor natural e histórico como o castro de Troña, o río Tea ou a Serra do Galleiro, ata chegar ao Castelo de Soutomaior.
Ademais, desde este último punto tamén partirá unha andaina circular de 8 quilómetros con dificultade moderada, na que participarán unhas 200 persoas.
A entrega de premios terá lugar ás 14:30 horas no Castelo de Soutomaior, pechando unha fin de semana que combina deporte, natureza e patrimonio na provincia de Pontevedra.