O Tribunal de Instancia de Santiago lidera a creación dun grupo para abordar os malos tratos a persoas maiores

O Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela celebrou hoxe a primeira reunión para constituír un grupo de traballo co obxectivo de coordinar, desde unha perspectiva transversal, as funcións de detección e abordaxe das situacións de malos tratos a persoas maiores.
A creación do grupo, de carácter multidisciplinar, foi autorizada pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o pasado 27 de marzo, por iniciativa da maxistrada da praza 1 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela, Ana López-Suevos, quen alertou dun incremento destas condutas delituosas, a miúdo asociadas a problemas de drogodependencia, enfermidades psiquiátricas ou mesmo por parte do profesional coidador.
Ao encontro, ademais da presidenta do Tribunal de Instancia de Santiago, Sandra M.ª Iglesias, convocante da reunión, e de López-Suevos, asistiu a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra M.ª Piñeiro, vogal da Sala de Goberno designada para elaborar un informe sobre esta materia en Galicia.
Nesta primeira reunión de traballo contouse tamén coa presenza de representantes da Subdelegación do Goberno na Coruña, Dirección Xeral de Xustiza, Fiscalía, Imelga, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local de Santiago, Ames e Teo. Tamén participaron representantes da Avogacía e da Procura, de diferentes departamentos do Servizo Galego de Saúde, dos servizos sociais dos concellos de Santiago, Vedra, Boqueixón, Teo e Ames, da Unidade de Condutas Aditivas e da Oficina de Asistencia á Vítima.
A Presidencia do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela destaca que a resposta xudicial a estas situacións “aconsella contar cun intercambio interinstitucional de información e recursos dispoñibles”, todo iso para que sexa “eficaz, humana e integradora”.
Desde o TSXG, co obxectivo de optimizar o traballo que desenvolva o grupo, solicitouse aos órganos de todos os partidos xudiciais de Galicia datos sobre a incidencia de casos de malos tratos a persoas maiores.