O TSXG acolle o acto de ascenso dunha xuíza e un xuíz á categoría de maxistrados

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu hoxe o acto de xura ou promesa dunha xuíza e un xuíz, quen ascendeu pola quenda de antigüidade á categoría de maxistrado/a. Ambos continuarán desempeñando as súas funcións nos mesmos destinos nos que están na actualidade: Celia Sánchez Vázquez, na praza 1 da Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia do Porriño; e Javier Lapeña Azurmendi, na praza 1 da Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Tui.
O acto estivo presidido por Ignacio Picatoste Sueiras, presidente do TSXG, quen durante a súa intervención destacou o traballo que afrontarán nos órganos xudiciais da provincia de Pontevedra, “cun compromiso renovado”. Desta forma, fixo referencia á importancia do acto no que os membros da carreira xudicial “reafirman o seu compromiso”.
Picatoste tamén salientou a importancia da independencia do Poder Xudicial “como garante da sociedade democrática”, á vez que desexou aos dous novos maxistrados de Galicia “moito éxito” no desempeño da súa función.
Ao acto asistiron o presidente da Sala do Social do TSXG, Luis Fernando de Castro Mejuto; a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo, María Azucena Recio González; e o secretario de Goberno do TSXG, Juan José Martín Álvarez, así como membros da Sala de Goberno e familiares da xuíza e o xuíz que ascenderon a maxistrada/o.