O TSXG exime á Xunta de pagar o IBI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decreta que o pago do IBI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo correspóndelle á concesionaria, polo que anula a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela na que condenou á Xunta a reembolsar a dita concesionaria o imposto correspondente ao ano 2019, por importe de case un millón de euros. Polo tanto, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo acolle o recurso presentado pola Xunta. Desta forma, ratifícase, cun tribunal completamente diferente, no fallo que ditou sobre o mesmo asunto o 20 de maio de 2022, o cal foi anulado polo Tribunal Supremo o pasado 17 de decembro, ao ordenar que a sentenza a ditase unha nova Sala do TSXG que garantise “o dereito a un xuíz imparcial”.
A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo salienta que “a documentación contractual posta a disposición dos interesados non permitiría deducir racionalmente a un licitador medio, ao presentar a súa oferta, que os dereitos e obrigas a adquirir en caso de resultar concesionario resultarían distintos aos previstos na devandita documentación; e, particularmente, que no caso de que o Concello de Vigo eliminase a exención do IBI -como sucedeu-, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) debía garantir a indemnidade do futuro concesionario”.
Polo tanto, o TSXG explica na sentenza que rexeita “unha interpretación ao abrigo da documentación complementaria que supoña xerar unha obriga en virtude da cal o Sergas deba garantir á sociedade concesionaria a indemnidade fronte a calquera vicisitude xurdida durante a execución do contrato por mor da cal esta última deixase de desfrutar do beneficio fiscal previamente existente”.
A Sala destaca que, “ante a claridade dos termos do contrato en canto á obriga do concesionario de satisfacer os gastos que constitúen o pago dos impostos”, a regra interpretativa do artigo 1281 do Código Civil “impide acudir a alambicadas interpretacións extraídas de documentos que carecen de natureza contractual para constituír novas obrigas non expresamente previstas e que contradín de forma radical o seu clausulado”.
Para os maxistrados, “a propia lóxica derivada da normativa contable” impoñía non rexistrar no plan económico-financeiro “gasto algún como consecuencia dun imposto cuxo pago se atopaba exento, no momento da elaboración do devandito plan, e non porque a falta de pago adquirise o carácter de condición contractual da oferta”.
Na resolución, o TSXG conclúe que “non cabe deducir da aceptación de tal oferta pola Administración a asunción por esta última dunha obriga implícita de reembolso ante unha eventual desaparición da exención”. En calquera caso, afirma que toda contradición aparente entre o contido da oferta e o que expresamente aparece nos pregos resólvese automaticamente a través da cláusula de peche contida no apartado 8.1.2: “En caso de discordancia entre calquera documento contractual e o PCAP (Prego de Cláusulas Administrativas Particulares), prevalecerá este último”.
Ademais, a Sala advirte de que “a demandante asume, na medida que lle interesa, que a Administración poida ao seu libre arbitrio alterar os pregos e determinar pola vía de consulta que documentos teñen carácter contractual e cales non, o que se opón aos máis elementais principios que rexen a contratación pública”. A iso engade que unha sentenza do Tribunal Supremo do 4 de xullo de 2023 (5965/2020) “rexeita que un cambio normativo na regulación dun imposto durante a execución do contrato constitúa un suposto de exercicio de ius variandi, factum principis ou risco imprevisible, coa conseguinte desestimación da solicitude de reequilibrio económico”.
O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.