O TSXG leva ao Constitucional a lei que retirou a protección ao lobo ibérico

A decisión chega tras a petición formulada polo Fondo para a Protección do Lobo Ibérico e por Ecoloxistas en Acción de Galicia
lobo-monte
17 Jun 2026

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou elevar unha cuestión de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional contra dous preceptos da Lei estatal 1/2025, de prevención das perdas e o desperdicio alimentario, que permitiron a retirada da protección do lobo ibérico. A decisión chega tras a petición formulada polo Fondo para a Protección do Lobo Ibérico e por Ecoloxistas en Acción de Galicia no marco do recurso presentado contra a resolución da Xunta que autorizaba controis da especie durante a tempada cinexética 2025-2026.

O auto, notificado ás partes este luns, estima parcialmente os argumentos das organizacións ecoloxistas e acorda tamén suspender provisionalmente a tramitación do procedemento ata que o Tribunal Constitucional decida sobre a admisión da cuestión.

Segundo recolle a resolución, a Sala considera que os preceptos impugnados poderían vulnerar diversos principios constitucionais, entre eles a prohibición da arbitrariedade dos poderes públicos e a seguridade xurídica, o dereito á tutela xudicial efectiva e o dereito a un medio ambiente adecuado. Ademais, o tribunal vincula a análise co principio de non regresión ambiental e coa obriga de actuar conforme á mellor evidencia científica dispoñible.

As organizacións ecoloxistas sosteñen que a desprotección do lobo foi introducida mediante emendas incorporadas durante a tramitación parlamentaria dunha lei centrada no desperdicio alimentario, unha fórmula que consideran allea ao obxecto da norma e que permitiu modificar o réxime de protección da especie sen a correspondente xustificación científica nin participación pública.

O TSXG entende que existen dúbidas razoables sobre a constitucionalidade destas modificacións e abre así a porta a que sexa o Tribunal Constitucional quen determine a súa validez. Mentres tanto, continúa vixente a suspensión cautelar das autorizacións relacionadas coa caza do lobo que o propio tribunal acordara anteriormente. Ademais, a resolución de vedas para a tempada 2025-2026 xa non inclúe o lobo como especie cinexética.

Desde o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico valoraron a decisión como un paso relevante para a conservación da especie. O seu portavoz, Ernesto Díaz, afirmou que o tribunal recoñeceu que a inclusión da desprotección do lobo nunha lei sobre desperdicio alimentario "pode ser inconstitucional" e mostrou a súa confianza en que o Constitucional restableza a protección da especie.

Pola súa banda, o portavoz de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López, considerou que a resolución supón un freo aos ataques contra a biodiversidade e criticou que a Xunta autorizase a caza do lobo malia o seu estado de conservación desfavorable. Segundo indicou, "non se pode lexislar contra a ciencia e contra o medio ambiente".

Os representantes legais das organizacións recorrentes tamén destacaron a relevancia do auto. O avogado Jaime Doreste sinalou que a posible vulneración do artigo 45 da Constitución, do principio de non regresión ambiental e da prohibición da arbitrariedade constitúen argumentos sólidos que deberán ser examinados polo Tribunal Constitucional. Pola súa parte, a especialista en Dereito Ambiental Sara González Merinero subliñou que a resolución tamén cuestiona o procedemento seguido para aprobar a norma, ao entender que poderían existir deficiencias en materia de participación e transparencia.

O seguinte paso será a decisión do Tribunal Constitucional sobre a admisión da cuestión de inconstitucionalidade. No caso de prosperar e declararse inconstitucionais os preceptos cuestionados, podería restablecerse a protección estatal do lobo ibérico e quedar sen cobertura legal as autorizacións de control ou caza aprobadas ao abeiro da actual normativa.

As organizacións ecoloxistas avanzaron que continuarán coa súa actividade xurídica e social tanto en España como ante as institucións europeas para defender a conservación do lobo ibérico e garantir que a súa xestión se basee exclusivamente en criterios científicos.

0.36217308044434