O Vello Cárcere de Lugo acolle a exposición ‘Contemos multitudes’ sobre o dano cerebral adquirido

A mostra inaugúrase este xoves 4 de xuño e inclúe fotografía, testemuños e un libro inédito con retratos ampliados
Nemesio-Núñez-Tallón
2 Jun 2026

Dano Cerebral Galicia inaugura no Vello Cárcere de Lugo a exposición ‘Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben’, unha proposta artística e social que combina fotografía, testemuños persoais e reflexión sobre a vida das persoas con dano cerebral adquirido. A mostra poderá visitarse desde o 3 de xuño ata o 30 de xullo e a inauguración terá lugar este xoves 4 de xuño ás 18:00 horas.

A exposición está composta por dous bloques principais. Por unha banda, os retratos realizados polo fotógrafo Fuco Reyes no marco do Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido, no que participaron persoas das cinco asociacións federadas de Dano Cerebral Galicia. Estas imaxes complétanse con testemuños manuscritos dos propios retratados, que achegan unha visión persoal da súa experiencia coa discapacidade.

O segundo bloque recolle 37 traballos de experimentación fotográfica realizados polas propias persoas con dano cerebral adquirido, centrados no relato biográfico e na reflexión sobre as secuelas da lesión. O conxunto busca facilitar a comprensión do impacto que supón esta discapacidade tanto a nivel persoal como familiar e social.

Como novidade nesta edición, presentarase por primeira vez o libro que acompaña a exposición, que amplía a colección de retratos e será entregado ás persoas asistentes á inauguración. O deseño gráfico corre a cargo de Xaime Fandiño, responsable tamén dun libro-obxecto creado para a ocasión.

O proxecto inspírase na idea de “multitudes” presente na obra de Bob Dylan e Walt Whitman, como metáfora da identidade complexa e cambiante das persoas que conviven cun dano cerebral adquirido, combinando continuidade persoal e transformación vital.

A inauguración contará coa participación de representantes de Dano Cerebral Lugo e Dano Cerebral Galicia, o fotógrafo e docente Fuco Reyes, o creador da liña gráfica Xaime Fandiño, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e unha representación do Concello de Lugo. Tras as intervencións, celebrarase unha visita guiada e unha recepción no propio Vello Cárcere.

A exposición está comisariada por Fuco Reyes e Carla Miranda, conta coa produción de Axeitos&Co e coa colaboración de distintas entidades do ámbito do dano cerebral, ademais do apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e o programa solidario “Céntimos solidarios” de Eroski.

0.33355903625488