O Verbena Fest 2026 encherá Sarria de música con nove actuacións entre o 31 de xullo e o 1 de agosto

A Terraza O Meigallo acollerá a oitava edición do festival, con concertos en dous escenarios e sesións vermú no Don Pepe
presentacion-cartel-Verbena-Fest-2026
29 Jul 2026

Sarria volverá converterse nun dos epicentros musicais do verán coa celebración da oitava edición do Verbena Fest 2026, que terá lugar os días 31 de xullo e 1 de agosto na Terraza O Meigallo. O festival reunirá nove propostas musicais repartidas entre dous escenarios e completarase cunha sesión vermú o sábado ao mediodía no establecemento Don Pepe.

A programación arrancará o venres, 31 de xullo, coa apertura de portas ás 20.00 horas. A primeira actuación correrá a cargo de Lumedoloop, ás 21.15 horas, no Escenario Meigallo. Xa no Escenario Principal, Cora Yako subirá ao escenario ás 22.45 horas, mentres que 9 Louro actuará ás 00.15 horas. A xornada rematará coa sesión de peche a cargo de Emmzy.

O sábado, 1 de agosto, comezará cunha sesión vermú no Don Pepe, onde Taïn actuará ás 13.00 horas e Grande Osso ofrecerá o seu concerto ás 14.00 horas.

Xa pola tarde, a actividade trasladarase novamente á Terraza O Meigallo, coa apertura de portas ás 19.15 horas. O Escenario Meigallo acollerá as actuacións de Saha & Ryu, ás 19.45 horas, e de Portosanto, ás 20.45 horas. Posteriormente, o Escenario Principal recibirá a Monoulious DOP, ás 22.15 horas, e a Fillas de Cassandra, ás 00.30 horas. O festival despedirase cunha sesión final protagonizada por Grande Osso.

A cita consolidouse como unha das propostas musicais de referencia do verán na comarca de Sarria, combinando artistas emerxentes e bandas consolidadas nun formato que mestura concertos, ambiente festivo e programación durante toda a fin de semana.

Ademais, este festival conta co apoio da Deputación de Lugo, do Concello de Sarria e da Xunta de Galicia. Efrén Castro amosou o apoio da Vicepresidencia da Deputacion ao festival, “unha mostra máis do dinamismo e da enerxía da mocidade e do tecido asociativo e hosteleiro de Sarria, que enche a vila de actividade musical e cultural” e encadrou a colaboración co festival “no apoio que as áreas da Vicepresidencia ofrecen ao tecido asociativo, ao tempo que se impulsa a presenza de bandas galegas en festivais e citas musicais en todo o territorio”.

0.36038494110107