O violinista escocés Alasdair Fraser encabeza o cartel do Encordass Fiddle Fest

Este festival internacional de violín tradicional celébrase na Illa de San Simón do 2 ao 5 de xullo coa música escocesa como protagonista
violinista-alasdair-fraser
15 May 2026

O festival internacional Encordass Fiddle Fest, especializado en violín e instrumentos de corda tradicionais, celebra unha nova edición do 2 ao 5 de xullo na Illa de San Simón. Cada edición está dedicada á música popular dun país ou rexión e en 2026 o festival xirará arredor da tradición escocesa, que marcará tanto a programación artística como as actividades formativas.

A edición 2026 estará marcada pola presenza de Alasdair Fraser, destacado violinista folk e figura clave na difusión da tradición escocesa por todo o mundo. Cunha traxectoria de máis de 30 anos, foi gañador en dúas ocasións do Scottish National Fiddle Championship e participou en bandas sonoras tan coñecidas como a de Titanic. A radio escocesa BBC considerouno "un dos gardiáns máis valiosos das tradicións de Escocia", e ten colaborado con artistas da altura de The Chieftains ou The Waterboys. En Encordass actuará xunto aos seus fillos Galen e Cameron Fraser, e iniciará unha nova etapa musical, tras finalizar despois de 26 anos o seu dúo coa cellista Natalie Hass.

A súa presenza no festival supón un fito dentro da historia do festival, pois foi o propio Fraser o inspirador do San Simón Fiddle Camp, un curso de violín para a mocidade, que acabaría dando lugar a Encordass. Esta aposta demostra o compromiso da asociación Galicia Fiddle, impulsora do evento, por achegar á illa de San Simón a algúns dos violinistas tradicionais máis relevantes do panorama internacional. O cartel completo e a apertura da venda de entradas farase público proximamente.

A historia recente do violín folk galego non se pode entender sen Escocia. Nos anos 80, co rexurdimento do folk en Galicia, os violinistas que se achegaban á música tradicional atoparon nas tradicións escocesa e irlandesa un referente fundamental. Neste contexto, a edición dedicada a Escocia reforza os vínculos musicais atlánticos e pon en valor estas conexións históricas.

Aulas Encordass: formación intensiva con artistas internacionais

Encordass inclúe no seu programa aulas de formación para instrumentistas. As Aulas Encordass desenvolveranse do 3 ao 6 de xullo, coincidindo co festival, e están dirixidas a público adulto. A proposta combina formación instrumental, ensaios orquestrais e un concerto final. As persoas participantes nas aulas son, xunto co equipo e artistas, as únicas que pernoctan na illa durante o festival. O programa inclúe manutención e aloxamento en réxime compartido, e ofértanse dúas modalidades desde 250 euros.

As clases están impartidas polos artistas participantes no festival, entre os que destaca o propio Alasdair Fraser. A formación estrutúrase en diferentes especialidades e niveis. Ademais de violinistas, nesta edición por primeira vez poden participar intérpretes de piano, frautas e whistle, por ser de grande importancia na música tradicional escocesa.

Galicia Fiddle

Galicia Fiddle é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 2010 arredor da aula de violín da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo (ETRAD), co obxectivo de promover o uso dos instrumentos de corda en estilos como a música tradicional, o folk, o rock, etc. Entre as súas principais actividades figuran a organización de cursos con mestres internacionais e a creación de espazos de encontro para intérpretes de diferentes idades.

O seu proxecto máis consolidado é San Simón Fiddle, un curso de verán para nenos e adolescentes que este ano celebra o seu 15 aniversario. Dirixido a participantes de entre 7 e 20 anos, combina aulas de instrumento, canto popular, percusión e baile tradicional coa convivencia con artistas de referencia internacional e con actividades náuticas e de lecer na illa de San Simón. O obxectivo é ofrecer unha forma de aprender música baseada na práctica colectiva e no contacto directo con profesionais de primeiro nivel.

PROGRAMA

0.25970196723938