O viveirense Cristian Toro irá de quinto na lista de Vox por Madrid ao Congreso

Cristian Toro, campión olímpico de piragüismo nos Xogos de Río de Xaneiro de 2016 e criado en Viveiro, ocupará o quinto posto da candidatura de Vox por Madrid ao Congreso dos Deputados nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro.
O deportista, que exerce como portavoz nacional de Deportes da formación e concelleiro no Concello de Madrid, sitúase así entre os primeiros postos dunha lista encabezada por Santiago Abascal.
A candidatura madrileña sitúa en segunda posición a Montserrat Lluís, secretaria xeral adxunta de Vox. O terceiro posto será para Juan Sergio Redondo, portavoz da formación na Asemblea de Ceuta, mentres que Pepa Rodríguez de Millán, actual portavoz do partido no Congreso, ocupará o cuarto lugar.
A lista presenta cambios con respecto á dos anteriores comicios xerais de 2023, nos que figuraban María Ruiz como número dous, Iván Espinosa de los Monteros no terceiro posto e Javier Ortega Smith no cuarto. Estes dous últimos xa non forman parte de Vox e manteñen discrepancias coa dirección do partido.
A dirección nacional da formación aprobou as candidaturas este luns, antes da apertura do prazo oficial para a súa presentación, previsto a partir do mércores e ata o vindeiro luns.