O voceiro socialista de Cospeito pasa a ser non adscrito tras reabrirse o proceso xudicial contra el

O cambio será efectivo no pleno deste xoves, xa que a petición foi presentada pola vía de urxencia para incluírse na orde do día
daniel-irimia-psoe-cospeito
27 May 2026

O voceiro do grupo municipal socialista de Cospeito, Daniel Irimia, anunciou a súa saída do Grupo Socialista e o seu paso á condición de concelleiro non adscrito despois de que se reactivase o procedemento xudicial no que está implicado por violencia de xénero. A decisión foi comunicada a través dun escrito público no que asegura que adopta esta medida para evitar prexudicar ao partido e aos seus compañeiros de militancia.

O cambio será efectivo no pleno deste xoves, xa que a petición foi presentada pola vía de urxencia para incluírse na orde do día. Xa neste pleno, o concelleiro presentará unha moción na que solicita que se cubra de forma axeitada a ratio de coidadores na Escola Infantil Municipal. Ademais, presentará algunhas preguntas, xa como concelleiro non adscrito.

No comunicado de renuncia, o edil sostén que o proceso xudicial ao que está sometido responde a un relato “falso, esaxerado e desconectado no tempo” e acusa a determinados medios de comunicación de realizar un tratamento “partidario, destrutivo e inquisitivo” do caso. Así mesmo, asegura que durante todo o procedemento defendeuse unicamente coa súa palabra, xa que non achegou probas para a súa defensa. Na primeira resolución xudicial do caso houbo un sobresemento e o arquivo provisional, pero o recurso presentado pola denunciante ante a Audiencia Provincial devolveu a causa á instrución.

O xa exvoceiro socialista explica que tomou a decisión de abandonar as súas responsabilidades orgánicas e pasar ao grupo de non adscritos ao considerar incompatible seguir exercendo como portavoz mentres continúe aberto o proceso xudicial. Segundo sinala, pretende evitar que a situación sexa utilizada politicamente contra o PSOE.

No escrito tamén manifesta que non ten intención de dimitir da súa acta de concelleiro e insiste en que non houbo mala intención pola súa parte respecto das persoas implicadas no procedemento. Ademais, denuncia supostas presións mediáticas, ameazas e intentos de intimidación durante os últimos meses.

O concelleiro asegura que centrará agora os seus esforzos na súa vida persoal, no traballo veciñal e na finalización da súa tese, ao tempo que se mostra convencido de que o proceso permitirá “saber quen traballaba realmente”.

A decisión abre unha nova etapa na corporación municipal, onde o edil continuará formando parte da actividade política local desde o grupo de non adscritos mentres segue o curso da causa xudicial.

0.3619658946991