O WOS Festival regresa a Santiago do 11 ao 14 de setembro cunha nova edición de vangarda sonora

O WOS Festival x SON Estrella Galicia, recoñecido como Mellor Festival Indoor Nacional, celebrará a súa oitava edición con concertos, performances e cinema en máis de dez espazos da cidade. Os abonos xa están á venda con prezo reducido.
WOW Festival
18 Jun 2025

Santiago de Compostela volverá acoller este outono unha das súas citas culturais máis singulares: o WOS Festival x SON Estrella Galicia, que celebrará a súa oitava edición do 11 ao 14 de setembro. Logo dun ano de pausa, o evento retoma a súa programación co obxectivo de ofrecer unha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.

Organizado pola produtora Work On Sunday, o festival desenvolverase en máis de dez espazos emblemáticos da cidade, entre teatros, igrexas, clubes e lugares inesperados, que acollerán concertos de electrónica avanzada, performances, proxeccións audiovisuais, mesas de debate e obras site-specific.

Desde o martes 17 de xuño están dispoñibles os abonos Early Bird na plataforma DICE, cun número limitado de prazas e a prezo reducido. As opcións inclúen o Festival Pass, que dá acceso a todos os eventos das catro xornadas, e o Weekend Pass, válido para as actividades do venres 12, sábado 13 e o peche do domingo 14. Como novidade, os abonos incluirán tamén o acceso ás proxeccións de cinema en NUMAX, respondendo así á demanda do público doutras edicións.

Premiado como Mellor Festival Indoor Nacional nos Iberian Festival Awards 2023 e como Mellor Festival Indoor de Europa 2028 nos European Festival Awards, o WOS Festival conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e o apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago.

Nos vindeiros días anunciarase o primeiro avance artístico do cartel, momento no que se activará tamén a venda de abonos a prezo estándar en DICE e Ataquilla.com.

O festival manterá descontos do 10 % para persoas usuarias do Carné Xove, estudantes da USC, persoas desempregadas e con grao de diversidade igual ou superior ao 33 %, sempre que se acredite a condición no momento de retirar a pulseira de acceso.

⚙ Configurar cookies
0.23006701469421