O xerente do Sergas inicia en Monforte unha serie de visitas a hospitais comarcais para analizar necesidades asistenciais

Luis León mantivo unha reunión de traballo coa dirección do hospital e percorreu distintos servizos, con especial atención ao Servizo de Farmacia recentemente remodelado
visita-xerente-sergas-hospital-monforte
26 Jun 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Luis León, iniciou no Hospital Público Comarcal de Monforte de Lemos unha rolda de visitas aos centros comarcais co obxectivo de coñecer a súa situación e planificar as necesidades asistenciais a curto e medio prazo.

A visita insírese no marco da rolda de contactos que a Consellería de Sanidade está a desenvolver para analizar directamente sobre o terreo a realidade dos centros sanitarios galegos.

Durante a xornada, Luis León mantivo unha reunión de traballo coa dirección do hospital, encabezada pola súa directora, Inmaculata Ramos, na que tamén participou o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, xunto con outros membros do equipo directivo.

Neste encontro analizáronse de forma detallada as principais necesidades do hospital, tanto no ámbito organizativo como no estrutural e tecnolóxico.

Tras a reunión, o xerente do Sergas realizou un percorrido por distintos servizos centrais do centro hospitalario, con especial atención ao recentemente remodelado Servizo de Farmacia, onde comprobou as melloras introducidas na xestión e na dispensa de medicamentos, así como as novas capacidades organizativas da área.

Así mesmo, visitou a zona de exploracións endoscópicas, un dos servizos clave na actividade diagnóstica do hospital, onde se están a consolidar melloras orientadas a incrementar a capacidade asistencial e a reducir os tempos de espera.

0.32941389083862