O XI Ribadeo Indiano superou as 60.000 visitas, cun impacto económico de máis de 3 millóns de euros

Máis de 60.000 persoas participaron no XI Ribadeo Indiano, unha edición que, segundo os datos trasladados polo Concello, deixou un impacto económico superior aos 3 millóns de euros. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, fixo unha valoración positiva da celebración e puxo en valor o traballo realizado para sacar adiante o evento.
O rexedor agradeceu a presenza das persoas visitantes e a implicación da veciñanza na decoración, coidado e promoción dunha cita que, segundo sinalou, volveu facer “brillar” a vila. Vega tamén destacou o papel do tecido económico local, especialmente da hostalería, restaurantes e comercio, aos que definiu como “axentes turísticos” e informadores das actividades programadas.
O alcalde trasladou tamén o seu agradecemento ás administracións colaboradoras, entre elas a Xunta de Galicia, pola achega de 120.000 euros ao Concello para contribuír ao desenvolvemento do evento, así como a Acisa, como entidade coorganizadora, e ás empresas e institucións que colaboran economicamente coa celebración.
“Primeiro grazas por acudir ao Ribadeo Indiano e grazas a todos os veciños e veciñas por axudarnos a decorar, a coidar e a impulsar outra vez o Ribadeo indiano”, declarou Dani Vega, que engadiu o seu recoñecemento “a todo o tecido económico tanto á hostalería, restaurantes, comercios que foron axentes turísticos, informadores de todas as actividades que había no Ribadeo Indiano”.
Vega tamén puxo en valor o traballo desenvolvido polas distintas áreas municipais implicadas na organización. Neste sentido, destacou a labor da Concellería de Cultura, dos técnicos e traballadores municipais, así como do servizo de limpeza e da Área de Medio Ambiente polo mantemento dos espazos durante a celebración.
O alcalde felicitou igualmente á área de Turismo e ás súas técnicas polo traballo realizado e recoñeceu o labor de Acisa na coordinación do evento, destacando a importancia da colaboración entre entidades para manter unha cita que, segundo indicou, “trae evidentemente grandes resultados”.
Dani Vega subliñou que os datos de asistencia e impacto económico amosan a consolidación do Ribadeo Indiano, que “continuamente no tempo trae bos resultados e de crecemento”. Ademais, sinalou que a celebración comeza a atraer tamén turismo internacional.
A programación cultural foi outro dos aspectos destacados polo rexedor, que sinalou o protagonismo da música habanera, das corais participantes, das presentacións de libros, das exposicións fotográficas e dos vídeos relacionados coa asociación de Fillas de Galicia.
Tamén fixo referencia ás actividades desenvolvidas nos mercados do ultramar e da terra, ás propostas deportivas no campo de San Francisco, á música nas rúas e ao traballo dos cociñeiros da Mariña na Praza de Abastos, onde se habilitou un espazo gastronómico para os visitantes.
“O traballo ben feito, ben realizado, dá bos resultados e isto é o Ribadeo Indiano 2026”, afirmou Dani Vega, que avanzou que o Concello xa comeza a preparar a edición de 2027, analizando posibles melloras e novas propostas.
O alcalde rematou cun agradecemento “grande, moi grande” á veciñanza e ás persoas que se achegaron a Ribadeo para participar e desfrutar da celebración.