O Xulgado rexeita a demanda contra o Concello de Barbadás por incumprir a normativa de prevención de riscos laborais

A Sección Social do Tribunal de Instancia de Ourense desestimou a demanda presentada por unha concelleira contra o Concello de Barbadás e o seu alcalde, na que alegaba a vulneración do seu dereito á integridade física e á igualdade por un suposto incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais. A edil reclamaba unha indemnización de 97.238 euros.
A maxistrada titular da praza 3 resolve que a xurisdición social non é competente para coñecer este asunto e indica que, no seu caso, correspondería á vía contencioso-administrativa ou á civil. Na sentenza sinala que o elemento determinante para que interveña a xurisdición social é “a situación de emprego, xa sexa laboral, funcionarial ou estatutario, e que haxa un empregador”.
Neste caso, engade, “non se dá a laboralidade (por conta allea, dependencia)”, xa que a relación da demandante co Concello non é a dunha traballadora, senón “exclusivamente na súa condición de membro electo da Corporación local”.
A resolución tamén subliña que “o concello carece de potestade disciplinaria sobre os concelleiros, que foron elixidos democraticamente, sendo os concelleiros xestores de intereses públicos”. Ademais, recolle que a relación entre concelleiro e administración local “non se formaliza por ningún contrato, senón nun proceso electoral, o que determina o carácter político do cargo”.
Por todo iso, a xuíza conclúe que o caso non encadra no ámbito da xurisdición social, xa que o convenio invocado se refire á “protección no ámbito do traballo”, mentres que un concelleiro non desenvolve un traballo por conta allea, “senón que é un xestor público”. A sentenza, non obstante, pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).