O XXXIX Congreso de ENCIGA reúne en Lugo a máis de 160 docentes para compartir experiencias sobre educación científica

O encontro, inaugurado no IES Lucus Augusti, desenvolverase ata o sábado cun programa de conferencias, comunicacións e obradoiros
XXXIX Congreso de ENCIGA Lugo
13 Nov 2026

O IES Lucus Augusti de Lugo acolle o XXXIX Congreso de ENCIGA (Ensinantes de Ciencia de Galicia), que reúne máis de 160 participantes nun espazo de formación, reflexión e intercambio de experiencias sobre a educación científica.

O congreso desenvolverase no instituto lucense ata o sábado cun programa que inclúe conferencias, comunicacións, obradoiros e exposicións. As actividades están orientadas a compartir coñecementos, técnicas de aprendizaxe e boas prácticas, así como a fortalecer os vínculos entre os profesionais da comunidade educativa.

Durante a apertura, o deputado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Daniel García puxo en valor o traballo do profesorado e a súa contribución ao desenvolvemento dunha educación científica innovadora e en galego. "Un evento coma este, que durante tres xornadas enche as aulas de debate, obradoiros e ilusión, non sería posible sen o motor que mantén vivo o noso sistema educativo: vós, o profesorado deste país", afirmou.

O deputado agradeceu a súa implicación e reafirmou o compromiso da institución provincial coa ciencia feita en Galicia e coa defensa dunha educación pública e de calidade. Ademais, anunciou que a Vicepresidencia da Deputación editará as actas do congreso para documentar os traballos e as contribucións presentadas.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villare, Alfonso Villares destacou o nivel de participación como "unha proba de compromiso e vocación, as mellores credenciais para sementar inquietudes científicas entre os estudantes". Tamén gabou a implicación dos docentes nos Polos Creativos e nos Clubs de Ciencia que impulsa a Xunta nos centros educativos para fomentar as vocacións nas áreas de Ciencias, Matemáticas e Enxeñaría.

1.9737730026245