Oliver Laxe coñece no Pazo de Tor o proxecto Soterradas durante unha xornada dedicada ao cinema

O director participou nun encontro formativo dentro do programa Comunidade Museo e visitou os espazos recuperados para visibilizar a memoria do servizo doméstico
oliver-laxe-pazo-de-tor
11 Jun 2026

O cineasta Oliver Laxe visitou esta semana o Pazo de Tor no marco do programa Comunidade Museo, unha iniciativa impulsada por Sacra Experience coa colaboración da Rede Museística Provincial. A súa estancia incluíu a participación nun encontro-obradoiro de cinema celebrado no espazo de didáctica do museo.

Durante a visita, o director de Sîrat percorreu as diferentes dependencias do inmoble e achegouse á súa historia a través das coleccións e do mobiliario que conserva o pazo. Tamén puido coñecer de primeira man o proxecto Soterradas, unha intervención que permitiu recuperar e incorporar ao percorrido museístico as antigas estancias destinadas ao servizo doméstico.

A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, foron as encargadas de presentar ao cineasta esta iniciativa, que busca poñer en valor espazos tradicionalmente invisibilizados e convertelos en lugares de memoria vinculados ás persoas que habitaron e traballaron no pazo ao longo do tempo.

Durante a xornada, Encarna Lago lembrou a vinculación histórica do Pazo de Tor co mundo audiovisual, escenario de diferentes rodaxes ao longo das últimas décadas, e destacou a importancia de seguir incorporando novas experiencias culturais que amplíen o relato do museo.

Pola súa banda, Iria Castro agradeceu a participación de Oliver Laxe e sinalou que actividades deste tipo contribúen a reforzar o papel do Pazo de Tor como espazo para a creación artística, a formación e a reflexión cultural, ademais do seu valor patrimonial e histórico.

A programación de Comunidade Museo continuará o vindeiro 18 de xullo cun encontro protagonizado polo actor Sergi López, integrante do elenco de Sîrat e intérprete recoñecido por traballos en producións como Harry, un amigo que vos quere, Só miña ou O labirinto do fauno.

0.33836102485657