O’MEGA aclara que a suspensión da folga autonómica non implica acordo sobre actividade voluntaria dos facultativos

A organización O'MEGA aclarou a situación tras a suspensión da folga autonómica en Galicia e a confusión xerada nas últimas horas en relación coa actividade asistencial dos facultativos.
Segundo explica a entidade, a folga suspendida refírese unicamente ao ámbito autonómico galego, relativo a materias nas que a Xunta de Galicia e o Servizo Galego de Saúde teñen capacidade directa de negociación e cumprimento. Neste sentido, insisten en que a reivindicación dun estatuto propio do persoal facultativo continúa aberta no ámbito estatal, onde o sindicato segue a participar no comité de folga nacional.
O’MEGA matiza ademais que os titulares publicados en distintos medios que suxiren un suposto acordo para retomar a actividade voluntaria ou as chamadas “peonadas” son imprecisos. A organización subliña que non se acordou que os profesionais retomen este tipo de actividade e que tampouco ten capacidade para decidir sobre unha cuestión que depende de cada facultativo a título individual.
No comunicado tamén se lembra que a actividade voluntaria segue a ser unha ferramenta lexítima de presión mentres continúe a reivindicación do estatuto propio a nivel estatal. A organización insiste en que a suspensión da folga autonómica non supón unha renuncia, senón o peche dunha fase concreta tras a consecución de compromisos no ámbito galego, ao tempo que se mantén a defensa das demandas no marco nacional.