Ópticos alertan da venda de "gafas milagrosas" que prometen corrixir os defectos da visión

O Colexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia alerta da proliferación de publicidade enganosa en redes sociais e internet sobre unhas «gafas milagrosas» que prometen corrixir os defectos de refracción sen necesidade de que as persoas usuarias se sometan a un exame visual realizado por un óptico optometrista.
«Tecnoloxicamente é imposible fabricar unhas gafas que cubran as diferentes graduacións. Todas as gafas con corrección requiren dun exame previo por parte dun óptico optometrista que avalíe a saúde visual do paciente e adapte de forma individualizada as lentes ás súas necesidades visuais», explica a presidenta do Colexio galego, Esther Amaro.
O Colexio destaca que FACUA-Consumidores en Acción xa denunciou o pasado mes de outubro ante a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), dependente do Ministerio de Sanidade, a venda destas gafas que prometen «aclarar a visión» e corrixir outros defectos da vista de forma milagrosa.
Os anuncios, publicados en YouTube, sinalan que estas lentes son «intelixentes» e afirman falsamente que foron desenvolvidas por entidades de prestixio, como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e diversas universidades, así como por laboratorios alemáns. Ademais de indicar que corrixen a visión sen necesidade de prescrición por parte dun profesional óptico optometrista, tamén aseguran que son eficaces contra calquera defecto visual que teña a persoa usuaria, como a miopía, a presbicia ou a hipermetropía.
A publicidade tamén insta as persoas usuarias a desfacerse das súas gafas habituais coa afirmación de que empeoran a visión e indúceas a substituílas polas lentes anunciadas.
Lexislación das lentes como produtos sanitarios
O artigo 2 do Real decreto 1591/2009, do 16 de outubro, polo que se regulan os produtos sanitarios, define este tipo de produtos como todos aqueles destinados polo fabricante a seren utilizados en seres humanos con fins entre os que se inclúen o «diagnóstico, control, tratamento, alivio ou compensación dunha lesión ou dunha deficiencia». Deste xeito, as gafas están consideradas produtos sanitarios, xa que se empregan para corrixir defectos da visión.
Pola súa banda, o artigo 4 do Real decreto 1907/1996, do 2 de agosto, sobre publicidade e promoción comercial de produtos, actividades ou servizos con pretendida finalidade sanitaria, deixa claro que está prohibida calquera clase de publicidade ou promoción de produtos, materiais, substancias, enerxía ou métodos «que pretendan unha utilidade terapéutica para unha ou máis enfermidades sen axustarse aos requisitos e esixencias previstos na Lei do Medicamento e disposicións que a desenvolven».
A normativa tamén prohibe as mensaxes que «atribúan efectos preventivos terapéuticos específicos que non estean apoiados por probas técnicas ou científicas suficientes, acreditadas e expresamente recoñecidas pola Administración sanitaria do Estado».