Os achados do convento de Santa Clara (Pontevedra) sitúan o convento como un referente arqueolóxico mundial

Un cerebro dunha monxa, un sacerdote coa súa vestimenta completa e máis de 3.000 pezas foron os restos máis destacados
restos-convento-santa-clara
14 Sep 2026

As escavacións arqueolóxicas do convento de Santa Clara de Pontevedra sacaron á luz achados excepcionais que abren novas vías de investigación sobre a historia do recinto e da cidade. Entre os descubrimentos destaca o cerebro saponificado dunha monxa, o primeiro caso documentado destas características na Península Ibérica e o cuarto coñecido no mundo.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, avanzou este luns os resultados dos traballos acompañado polo equipo de arqueólogos responsable das escavacións. “Santa Clara está ofrecendo moitas respostas, pero tamén está abrindo moitas preguntas e, como dirixente da Deputación, o noso obxectivo é dar respostas e abrir vías de investigación para que os maiores expertos a nivel internacional poidan implicarse”, sinalou.

O achado do cerebro saponificado constitúe un dos resultados máis relevantes da campaña. Segundo explicou o equipo arqueolóxico, ata agora só se documentaran tres casos similares no mundo, localizados en Arxentina, Chile e Italia. O descubrimento de Santa Clara convértese, polo tanto, no primeiro destas características documentado na Península Ibérica.

O cerebro apareceu na igrexa, onde tamén se localizaron restos de varias monxas. Aínda que dos seus corpos apenas se conservan ósos, si sobreviviron os sudarios que as envolvían, un feito especialmente relevante para o estudo dos materiais téxtiles en contextos arqueolóxicos.

Outro dos descubrimentos excepcionais produciuse tamén na igrexa, onde os arqueólogos localizaron o cadáver dun capelán situado diante do altar e conservado con zapatos e a súa indumentaria completa.

A conservación destes elementos resulta especialmente significativa. “É algo excepcional e único”, destacou Domínguez, xa que en Galicia apenas existen un par de casos documentados de téxtiles conservados en contextos arqueolóxicos. Entre eles figuran o sudario do relicario de Santa Susana, localizado na Catedral de Santiago, e fragmentos procedentes do castelo de Pambre, en Lugo.

Porén, en Santa Clara atopáronse pezas completas, como a casula do sacerdote e os sudarios das monxas, o que abre unha importante vía de investigación sobre a vestimenta e as prácticas funerarias da época.

Na igrexa tamén apareceron os restos de dous infantes, un deles con zapatos.

Máis de 3.000 pezas e unha estrutura de orixe descoñecida

As escavacións permitiron avanzar igualmente no coñecemento da configuración orixinal do convento. No claustro continuouse traballando na zona na que previamente se documentara unha rampla. Os elementos localizados neste punto reforzan a hipótese de que o claustro puido contar inicialmente con tres alas.

No bosque, ao sur do recinto, os arqueólogos documentaron ademais unha nova estrutura rectangular cuxa función aínda se descoñece. Segundo o equipo responsable dos traballos, podería tratarse dun dos elementos estruturais máis antigos conservados dentro do conxunto.

A estes descubrimentos súmase un importante conxunto de materiais arqueolóxicos. Ata o momento recuperáronse máis de 3.000 elementos, entre os que figuran restos cerámicos datados entre finais do século XIV e o século XIX, ademais de moedas, vidros e pezas líticas.

As escavacións de Santa Clara afrontan agora o seu último mes de traballo de campo. Posteriormente comezará unha nova fase de aproximadamente catro meses dedicada ao procesado de laboratorio, análises e datacións radiocarbónicas, que permitirán precisar a cronoloxía dos restos e seguir reconstruíndo a historia do convento e de Pontevedra.

Domínguez destacou a dimensión dunha intervención que cualificou como “a máis espectacular de Galicia dos últimos tempos” e na que a Deputación está a investir máis de 400.000 euros. Os resultados obtidos ata agora, especialmente o cerebro saponificado e a conservación das vestimentas completas, converten o xacemento de Santa Clara nun enclave de especial interese para a investigación arqueolóxica internacional.

0.36501884460449