Os Ateneos de Galicia homenaxearán a Ramón Otero Pedrayo en Trasalba polo 50 aniversario do seu pasamento

Será este sábado e incluirá unha programación cultural e simbólica en lembranza da figura do escritor e intelectual galego
Ramon Otero Pedrayo
19 Jun 2026

A Casa Grande de Trasalba acollerá o sábado 20 de xuño de 2026 unha xornada conmemorativa con ofrenda floral, recitais, música tradicional, proxección audiovisual e un xantar de confraternidade en lembranza do intelectual galego.

Na reunión da Federación de Ateneos de Galicia celebrada en Ourense o pasado 25 de novembro de 2025 acordouse organizar unha homenaxe a Ramón Otero Pedrayo coincidindo co cincuentenario do seu pasamento e co centésimo quincuaxésimo aniversario da publicación da súa obra Xeografía de Galicia. O acto desenvolverase na súa Casa Grande de Trasalba.

A celebración está prevista para o sábado 20 de xuño de 2026 e incluirá unha programación cultural e simbólica en lembranza da figura do escritor e intelectual galego. A xornada comezará ás 11:00 horas coa recepción das persoas participantes e prolongarase ata aproximadamente as 19:00 horas.

O programa contempla unha ofrenda floral, recitais a cargo de socios dos oito ateneos que integran a Federación de Ateneos de Galicia, así como a actuación da banda de gaitas de Amoeiro. Tamén se proxectará un documental sobre Otero Pedrayo realizado por M.ª José Bravo.

Ademais, Manoele de Felisa interpretará cancións do seu último disco dedicado ao propio Otero, e realizarase unha visita guiada pola Casa Grande de Trasalba para os asistentes. A xornada completarase cun “xantar de confraternidade” no que participarán todas as persoas asistentes ao encontro.

0.28450894355774