Os Cantóns avanzan cara á praza de Mina cunha nova fase de obras

As obras de remodelación dos Cantóns entran mañá, luns 8 de xuño, nunha nova fase coa extensión dos traballos á praza de Mina e á súa contorna. A actuación forma parte do proxecto municipal para modernizar este eixo central da Coruña, gañar espazo peonil e mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a mobilidade.
Esta nova etapa permitirá avanzar na transformación do acceso principal aos Cantóns mentres continúan as actuacións no Cantón Grande, Cantón Pequeno e Entrexardíns. O obxectivo é ir completando a renovación dos espazos públicos desde a Mariña ata o Obelisco e, agora, cara á praza de Mina.
A intervención prevista afectará ao cruzamento entre Sánchez Bregua, Juana de Vega, rúa Compostela e Cantón Pequeno, un punto clave para a mobilidade peonil e rodada no centro da cidade. A futura configuración busca conectar a rúa Compostela co Cantón Pequeno a través dun percorrido máis seguro e accesible para os peóns.
O proxecto tamén contempla a adaptación da calzada entre Sánchez Bregua e a praza de Mina, delimitando un carril por sentido para o tráfico rodado, en liña coa reorganización prevista no conxunto dos Cantóns.
Na beira dos Xardíns de Méndez Núñez darase continuidade ao novo treito de carril bici bidireccional que se está a executar ao longo dos Cantóns. Este percorrido substituirá o trazado provisional habilitado durante a pandemia, que contaba con carrís segregados a ambos lados da vía.
En paralelo, continúan os traballos de instalación do novo mobiliario urbano. Está previsto que estes días comece a colocación das pletinas de aceiro inoxidable e dos listóns de madeira que completarán as bancadas de pedra situadas en puntos como Manuel Casás, a praza da Aduana, a contorna do Teatro Colón e o Obelisco.