Os castelos de Soutomaior e Sobroso ofertan 470 prazas para asistir ás visitas teatralizadas polo Samaín

A Deputación de Pontevedra abrirá este luns 28 de setembro a venda de entradas para participar nas visitas teatralizadas de Samaín que se celebrarán nos castelos de Soutomaior e Sobroso. As propostas, producidas por EscénaTe e dirixidas a todos os públicos, combinarán recreación histórica, lendas e tradición galega para achegar os visitantes ao patrimonio destas dúas fortalezas.
A programación permitirá reunir un total de 470 persoas en 26 quendas diferentes. O aforo será de 15 persoas por pase no Castelo de Sobroso e de 20 no de Soutomaior.
En Sobroso, as actividades desenvolveranse os días 17 e 18 de outubro, cunha sesión ás 16.30 horas, e os días 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con pases ás 11.30 e ás 16.30 horas.
‘Os sinais de Sobroso’ trasladará a acción á Idade Media, concretamente ao período do cerco sufrido pola raíña Dona Urraca. As persoas participantes incorporaranse á ficción como parte da poboación refuxiada na fortaleza e irán percorrendo os seus diferentes espazos para coñecer o funcionamento dos elementos do castelo e a súa relación co territorio.
A proposta combinará divulgación histórica e interpretación do patrimonio con intriga e humor, ao tempo que incorporará elementos da tradición galega relacionados co Samaín e coa Noite de Defuntos. A historia conectará progresivamente os feitos históricos da fortaleza coas súas lendas e coa memoria popular.
As entradas para estas visitas terán un prezo de 5 euros por persoa e poderán adquirirse a través da web do Castelo de Sobroso.
No Castelo de Soutomaior, as representacións celebraranse os días 11, 12, 17, 18, 24, 25 e 31 de outubro e o 1 de novembro, con dous pases cada xornada, ás 12.00 e ás 16.30 horas.
Baixo o título ‘As voces de Soutomaior’, o público poderá coñecer diferentes etapas da historia da fortaleza a través das personaxes que deixaron a súa pegada nela. Pedro Madruga e a memoria da revolta Irmandiña, o marqués de la Vega de Armijo e o contexto social e político do século XIX, e María Vinyals serán os fíos condutores deste percorrido.
A actividade mostrará tamén a transformación do castelo ao longo do tempo, desde a súa función residencial ata a súa evolución como espazo de cultura e apertura a novas ideas. O espectáculo combinará humor, interacción co público, lendas e momentos de emoción, convertendo as murallas, os salóns e os xardíns no escenario da representación.
As entradas para Soutomaior estarán dispoñibles desde este luns 28 de setembro na web do Castelo de Soutomaior, cun prezo de 8 euros por persoa.