Os comités da sanidade privada da Coruña rexeitan a actuación de QuirónSalud contra dous representantes sindicais

A CIG-Saúde entregou este venres á patronal da sanidade privada da Coruña os escritos aprobados por unanimidade polos sete comités dos hospitais privados da provincia en rexeitamento á actuación da dirección de QuirónSalud contra dous representantes sindicais do centro.
A central sindical denuncia que a empresa abriu expediente sancionador á presidenta e ao secretario do comité de QuirónSalud A Coruña. Ademais, segundo sinala a CIG, o secretario foi despedido mentres se atopaba de baixa médica, alegando a compañía motivos disciplinarios relacionados con supostos incumprimentos en materia de protección de datos.
Os escritos foron rexistrados na sede da Confederación de Empresarios da Coruña nun acto no que participaron delegados dos hospitais QuirónSalud, HM Modelo, San Rafael, Ribera Juan Cardona, HM Rosaleda, HM Esperanza e Hestia La Robleda.
Desde a CIG-Saúde consideran que estas medidas buscan castigar a actividade sindical e advirten de que xa foron recorridas pola vía xudicial. O sindicato iniciou tamén unha campaña de mobilizacións para denunciar publicamente o que cualifica como unha práctica represiva.
O responsable de sanidade privada da CIG-Saúde, Miguel Tizón, destacou que o apoio unánime dos comités evidencia o malestar existente no sector e advertiu de que os traballadores non van calar ante actuacións que, ao seu xuízo, vulneran dereitos fundamentais.