Os concellos poderán mellorar a oferta das súas bibliotecas e axencias de lectura

A convocatoria de axudas acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia para apoiar o investimento en novidades editoriais en galego nestes centros
tablet-literatura-libros-diccionario-poesia
4 May 2026

A Xunta de Galicia destinará 424.000€ para axudar os concellos na adquisición de novidades editoriais en galego e mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas públicas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. Así se recolle na convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicada no Diario Oficial de Galicia , que lles dá as administracións locais desde mañá, luns, 4 de maio, ata o 4 de xuño para solicitar estas axudas.

Na primeira liña desta convocatoria, o departamento de Cultura do Goberno galego destina 138.000 euros para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, coa finalidade de que as bibliotecas públicas e ou axencias de lectura teñan ao dispor dos seus usuarios as novidades en galego no momento da súa entrada no mercado.

Cómpre aclarar que a dotación económica para cada concello establécese segundo os parámetros da poboación á que atende cada servizo bibliotecario público municipal. Deste xeito, unha vez que o concello ten esta contía, poderá seleccionar os títulos incluídos na plataforma electrónica NEDITO, na que incorporan as súas novidades todas as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

O segundo programa desta liña de axudas céntrase na mellora das coleccións bibliográficas, das bibliotecas e axencias de lectura públicas. A esta finalidade, a Consellería de Cultura destina 286.000€ este ano.

O que se pretende é actualizar estas publicacións, de xeito que lles permita aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar estas adquisicións e así incrementar a oferta e o servizo aos usuarios, atendendo de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas que se incrementa a demanda.

0.31106495857239