Os distintos organismos defenden a decisión da Unesco sobre a Ribeira Sacra e confían en logralo proximamente

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, expresou o seu respecto pola decisión adoptada polo Comité do Patrimonio Mundial da Unesco de solicitar ao Estado español a revisión e reforzo do expediente da candidatura da Ribeira Sacra antes de volver sometela á súa consideración. Ao mesmo tempo, reafirmou con contundencia a posición da institución provincial: “a Ribeira Sacra reúne todos os valores que a fan merecedora de formar parte da Lista do Patrimonio Mundial e será o ano que vén cando o sexa oficialmente”.
Para ela, a decisión do Comité non altera a esencia da candidatura nin diminúe o valor excepcional deste territorio, senón que marca unha nova etapa dun proceso que a Deputación seguirá apoiando con determinación, responsabilidade e lealdade institucional. “Para a Deputación de Lugo non hai ningunha dúbida. A Ribeira Sacra xa é Patrimonio Mundial polos seus valores. Falamos dunha das paisaxes culturais máis extraordinarias de Europa e dun territorio único no mundo, onde a natureza e o ser humano construíron ao longo de máis de mil anos un legado excepcional que merece o máximo recoñecemento internacional”, afirmou Carmela López.
Nese sentido, destacou que a riqueza da Ribeira Sacra vai moito máis alá da espectacularidade da súa paisaxe. “Temos un territorio único e exclusivo tanto pola súa historia, como polo seu patrimonio e cultura. Os canóns do Miño e do Sil, a viticultura heroica, os mosteiros, as igrexas, os camiños, as aldeas e o inmenso patrimonio etnográfico conforman unha paisaxe cultural viva, modelada ao longo dos séculos polo esforzo de xeracións de veciñas e veciños. Ese legado ten un valor universal que merece ser recoñecido”.
Carmela López puxo tamén en valor o apoio expresado por numerosos países durante o debate celebrado no Comité do Patrimonio Mundial, un feito que, ao seu xuízo, evidencia que a candidatura da Ribeira Sacra conta cun amplo recoñecemento internacional. “Respectamos a decisión adoptada pola Unesco e o procedemento establecido, pero tamén temos a responsabilidade de defender aquilo no que cremos. E nós cremos na Ribeira Sacra, no seu valor excepcional e na fortaleza dunha candidatura que representa un dos maiores patrimonios culturais e paisaxísticos do mundo”.
A presidenta asegurou que a Deputación de Lugo continuará exercendo un papel activo para contribuír a que a candidatura avance. “Vamos seguir sumando. Imos continuar colaborando con todas as administracións e institucións implicadas, achegando todo o que estea ao noso alcance para fortalecer esta candidatura. Farémolo, como sempre, desde a lealdade institucional, desde o diálogo e desde a cooperación. O único importante é defender un territorio excepcional e conseguir que reciba o recoñecemento internacional que merece”.
“Este non é o final do camiño. É un paso máis nun proxecto de longo percorrido que require unidade, perseveranza e traballo conxunto. A Deputación estará, como estivo sempre e liderou nun primeiro momento, apoiando esta candidatura con absoluta convicción e contribuíndo a que o expediente responda da mellor maneira posible ás consideracións formuladas polo Comité”.
SITUACIÓN "ESPERANZADORA" PARA LUIS MENOR
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, cualificou de “esperanzadora” a decisión adoptada pola Unesco sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, ao considerar que mantén aberto o proceso e incrementa as posibilidades de acadar o recoñecemento na próxima avaliación.
Menor lembrou que o informe inicial de Icomos supuxera un duro golpe para as aspiracións da candidatura, xa que recomendaba non incluíla na Lista do Patrimonio Mundial. Por iso, destacou como un feito “extraordinario” que varios países defendesen no Comité do Patrimonio Mundial a continuidade do expediente, a pesar da valoración negativa dos técnicos.
O responsable provincial puxo en valor o traballo realizado polas deputacións de Lugo e Ourense e pola Xunta de Galicia na elaboración da candidatura, ao tempo que salientou o papel desempeñado pola diplomacia española durante as negociacións desenvolvidas en Busán. Neste sentido, asegurou que o equipo diplomático realizou un labor “extraordinario” para evitar que a proposta fose rexeitada de forma definitiva.
Segundo explicou, España conseguiu presentar unha emenda e sumar o apoio de numerosos países, o que permitiu alcanzar o mellor escenario posible e manter viva a candidatura. Ademais, subliñou que o acordo alcanzado obrigará a Icomos a colaborar coas administracións españolas na revisión e mellora do expediente.
Aínda que recoñeceu que a decisión deixa unha sensación “agridoce” por non lograr de momento a declaración de Patrimonio Mundial, mostrouse convencido de que a Ribeira Sacra conta con moitas opcións de obter o recoñecemento o próximo ano. Por iso, fixo un chamamento a continuar traballando durante os próximos meses para reforzar unha candidatura que considera fundamental para un dos grandes tesouros patrimoniais de Galicia.
RUEDA DESTACA A DEFENSA DE PROPOSTA "CON CONVICCIÓN E ÉNFASE"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrouse confiado en que a Ribeira Sacra poida acadar o recoñecemento como Patrimonio Mundial da Unesco o próximo ano. Rueda valorou positivamente o resultado da reunión ao considerar que permite manter viva a candidatura e continuar traballando sobre ela durante os próximos meses. Segundo explicou, a Xunta manterá o esforzo para incorporar as melloras que sexan necesarias co obxectivo de lograr a declaración en 2027.
O titular do Executivo galego tamén agradeceu a implicación do Goberno de España durante todo o proceso, especialmente o labor desenvolvido polo embaixador español ante a Unesco, Miquel Iceta. Neste sentido, destacou que a Ribeira Sacra foi a única candidatura presentada este ano polo Estado e asegurou que foi defendida "con convicción e con énfase".
Aínda que recoñeceu que a declaración como Patrimonio Mundial era o escenario desexado, Rueda subliñou que outras candidaturas nin sequera chegaron á fase final do proceso, polo que considera positiva a decisión adoptada polo Comité.
O presidente incidiu en que o feito de que a candidatura fose devolta para a súa revisión ofrece unha nova oportunidade para mellorar o expediente sen necesidade de iniciar todo o procedemento desde o principio. "Temos un ano para volver intentalo. Redobraremos os esforzos e espero que o ano que vén teñamos éxito", afirmou.
Así mesmo, lembrou que o escenario máis desfavorable sería a retirada da candidatura, xa que iso dificultaría durante moitos anos a posibilidade de volver presentala. "Non foi así. Temos un ano de traballo intenso por diante e espero que o próximo ano teñamos boas noticias", concluíu.
JOSÉ LÓPEZ CAMPOS DESTACA O "ESCENARIO FAVORABLE"
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, cualificou de "escenario favorable" a decisión do Comité de Patrimonio Mundial da Unesco de conceder un ano máis de prazo á candidatura da Ribeira Sacra para introducir axustes técnicos e completar a documentación necesaria.
O responsable autonómico trasladou esta decisión aos alcaldes dos 26 concellos da Ribeira Sacra e a representantes do territorio nunha reunión telemática, na que destacou que o acordo alcanzado en Busán mantén "a candidatura máis viva ca nunca".
López Campos puxo en valor o carácter excepcional da resolución, que rexeita a retirada da candidatura proposta por Icomos e incorpora unha misión especial de asesoramento deste organismo para reforzar o expediente.
O conselleiro agradeceu a colaboración do Ministerio de Cultura e, especialmente, o labor do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, pola defensa da candidatura durante as deliberacións.
Tamén destacou a coordinación entre a Xunta e o Goberno central para impulsar unha proposta que considera sólida e baseada nos valores únicos da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.
Neste sentido, incidiu na singularidade dos canóns do Miño e do Sil, o patrimonio hidráulico e a relación histórica entre a natureza e a actividade humana.
López Campos expresou a confianza de que o traballo previsto durante o próximo ano permita lograr o recoñecemento da Unesco en 2027.
Finalmente, lembrou o compromiso da Xunta coa conservación da Ribeira Sacra, onde investiu preto de 8 millóns de euros e desenvolveu máis de 90 actuacións de restauración e posta en valor do patrimonio cultural.
"UNHA NOVA OPORTUNIDADE" PARA O ALCALDE DE MONFORTE
O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, fixo balance da decisión adoptada polo Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, tras participar nunha reunión telemática co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude para analizar o resultado da sesión celebrada polo organismo internacional.
Tomé valorou positivamente o acordo alcanzado polo Comité, que decidiu non pechar definitivamente a candidatura malia o informe desfavorable emitido previamente por ICOMOS, o organismo asesor da UNESCO, que consideraba que a Ribeira Sacra non cumpría suficientemente cos criterios de integridade e autenticidade requiridos.
O rexedor monfortino explicou que a emenda presentada por Perú, Tanzania e Ucraína, aprobada co apoio de dous terzos dos países presentes, abre a porta a presentar unha candidatura reforzada, incorporando novos datos e aclaracións que permitan responder ás observacións formuladas polos avaliadores.
Segundo José Tomé, a resolución adoptada é "a mellor noticia posible" despois do ditame inicial de ICOMOS, xa que mantén intactas as opcións de que a Ribeira Sacra consiga finalmente o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade na revisión prevista para o ano 2028.
O alcalde tamén considerou especialmente relevante que a UNESCO inste a ICOMOS a crear unha comisión de apoio para traballar de forma conxunta co Goberno de España na mellora do expediente e na resolución das cuestións que dificultan a súa aprobación definitiva.
Así mesmo, José Tomé felicitou á delegación española que participou na defensa da candidatura, con especial mención ao embaixador Miguel Iceta, de quen destacou a súa intervención durante o debate. Segundo sinalou, o apoio obtido por parte de quince países permite afrontar con optimismo o novo proceso de avaliación.
Para o alcalde de Monforte, a Ribeira Sacra xa conta cun extraordinario valor patrimonial, histórico, paisaxístico e cultural, aínda que considera que a declaración da UNESCO suporía un importante impulso para incrementar a súa proxección internacional, atraer máis visitantes e reforzar o seu prestixio como destino turístico e cultural.
TABARÉS NON QUERE NA ZONA UN PARQUE TEMÁTICO
O BNG considera que a decisión da Unesco de solicitar información adicional sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial debe servir para abrir unha reflexión sobre as políticas desenvolvidas neste territorio. O deputado nacionalista Iago Tabarés defendeu este luns a necesidade de revisar a estratexia da Xunta e apostar por un modelo que garanta o futuro da comarca sen desvirtuar a súa identidade.
En declaracións no Parlamento de Galicia, Tabarés lembrou que esta é a segunda ocasión na que a candidatura require unha revisión, polo que instou ao Goberno galego a analizar o traballo realizado ata o de agora.
O parlamentario nacionalista insistiu en que o obxectivo non debe limitarse a obter declaracións de protección, senón a asegurar un desenvolvemento sostible da Ribeira Sacra. Neste sentido, advertiu de que o territorio non pode ser tratado como "un parque temático", senón como un espazo vivo que precisa medidas de dinamización económica e social.
Tabarés puxo en valor a riqueza paisaxística e vitivinícola da Ribeira Sacra, ao tempo que chamou a prestar especial atención aos problemas estruturais que afectan á comarca. Entre eles, destacou a falta de relevo xeracional no sector vitícola, lembrando que a idade media das persoas viticultoras supera os 60 anos.
Para o deputado do BNG, garantir a continuidade da actividade agraria e favorecer que a comarca siga sendo un territorio habitable constitúe o verdadeiro reto de futuro da Ribeira Sacra, máis alá do recoñecemento internacional que poida obter a candidatura ante a Unesco.
A FEARS PIDE REFORMULAR A CANDIDATURA E RECLAMA UN REFERENDO CIDADÁN
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) fixo pública a súa valoración sobre a decisión da UNESCO de devolver a candidatura da "Ribeira Sacra Paisaxe da Auga" sen proceder á súa inscrición como Patrimonio Mundial, unha resolución que condiciona unha futura presentación á incorporación de novos argumentos históricos, patrimoniais e territoriais.
A entidade considera que o pronunciamento do Comité de Patrimonio Mundial e as observacións realizadas por ICOMOS avalan as críticas que leva formulando desde hai anos. Segundo a FEARS, a candidatura promovida pola Xunta de Galicia é "irreformable", ao entender que parte dunha delimitación territorial que non responde á realidade histórica e que trata de integrar distintos relatos patrimoniais sen a suficiente coherencia.
A federación asegura que comparte o contido do informe emitido por ICOMOS, ao que cualifica de "correcto, lexítimo e científico", e sostén que non é posible demostrar historicamente unha continuidade entre elementos tradicionais como os muíños e as grandes infraestruturas hidroeléctricas construídas durante o século XX. Ademais, critica as declaracións realizadas polo embaixador de España ante a UNESCO, Miguel Iceta, por cuestionar o traballo dos expertos internacionais.
Outro dos aspectos destacados pola FEARS é que a propia UNESCO reclama unha maior implicación das comunidades locais, un reforzo das políticas de conservación do territorio e medidas que favorezan a recuperación demográfica e o mantemento da agricultura tradicional. A entidade afirma que estas demandas coinciden coas reivindicacións que leva defendendo desde hai anos e denuncia que nunca foi tida en conta durante a elaboración da candidatura.
Neste contexto, a federación propón a celebración dun referendo cidadán nos concellos incluídos no ámbito do Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra para coñecer se a poboación apoia realmente a continuidade da candidatura. Ao seu xuízo, tamén sería necesario habilitar mecanismos efectivos de participación social no proceso.
A FEARS considera igualmente imprescindible elaborar un estudo independente sobre os posibles impactos que podería ter a declaración como Patrimonio Mundial, advertindo dos riscos de masificación turística e de perda da identidade do territorio se non existe unha planificación axeitada.
A entidade tamén reclama responsabilidades políticas e técnicas pola xestión desenvolvida ata o momento e sostén que, no caso de manterse a candidatura, esta non debería continuar dirixida polas mesmas persoas. Ademais, solicita a creación dun comité científico independente, coordinado coa misión de asesoramento de ICOMOS, así como a publicación dos recursos públicos destinados durante as últimas tres décadas á preparación da candidatura.
Entre as súas propostas figura tamén reforzar os investimentos en conservación do patrimonio, servizos públicos, mobilidade e investigación científica sobre a Ribeira Sacra, fronte ao que considera un exceso de recursos destinados á promoción institucional.