Os drons e a música de Panorama marcan o final do San Froilán, que se despedirá definitivamente este martes

O Día do Neno e a actuación aprazada de Os Satélites poñerán o broche á programación das festas de Lugo, que reuniron milleiros de persoas arredor da música, a gastronomía e o lecer
Un-San-Froilán-para-todos-Lugo-26
13 Oct 2026

O ceo de Lugo iluminouse na noite do luns 12 de outubro cun espectáculo de drons na contorna de San Fiz que puxo en valor elementos culturais propios da cidade e de Galicia, no marco do San Froilán 2026. A exhibición, que rematou coa mensaxe "Un San Froilán para todos", simbolizou o peche oficial das festas, aínda que a programación continuará este martes con dúas últimas propostas.

O Día do Pilar contou con diferentes actividades culturais ao longo da xornada, que culminou coa actuación da orquestra Panorama en San Fiz, despois do espectáculo aéreo. A proposta con drons substituíu os tradicionais fogos artificiais co obxectivo de reducir as molestias derivadas do ruído, especialmente para as mascotas e as persoas con sensibilidade acústica.

A programación despedirase definitivamente este martes 13 de outubro co Día do Neno, durante o que as atraccións das barracas ofrecerán prezos reducidos. Ás 20:00 horas, a orquestra Os Satélites actuará para pechar as festas, despois de que a súa actuación tivese que ser aprazada pola chuvia na data inicialmente prevista.

Esta edición do San Froilán deixa atrás varios días de intensa actividade cultural e musical, cunha importante afluencia de veciñanza e visitantes. As casetas do polbo, as atraccións e os concertos foron algúns dos grandes reclamos dunhas festas que encheron a Praza do Seminario, escenario de actuacións multitudinarias, e que se despedirán definitivamente tras a última xornada.

0.41941905021667