Os galegos poderán doar plasma grazas ao programa de plasmaférese impulsado pola ADOS

Principiou esta semana, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a recollida e os vindeiros 28 e 29 de setembro achegarase ata as instalacións do Hospital Nicolás Peña de Vigo
furgoneta-recollida-de-plasma-ados
26 Sep 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) comeza esta semana a desenvolver un programa especial de plasmaférese (doazón de plasma) e que está a achegarse, neste comezo de outono, ata as inmediacións dos distintos locais de atención permanente ao doador de sangue existentes nas sete grandes cidades galegas. Durante a presente semana, un equipo da ADOS posibilitou a recollida de doazóns de plasma en equipos portátiles nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e os vindeiros 28 e 29 de setembro, achegarase ata o hospital vigués Nicolás Peña.

A plasmaférese é un xeito de doazón no que é posible seleccionar a parte líquida do sangue (o plasma) e restituírlle ao doador o resto de compoñentes sanguíneos (a parte celular como as plaquetas e os glóbulos vermellos).

Este programa forma parte do Plan Estratéxico Nacional para a Autosuficiencia en Plasma Humano (PENAP), que ten como obxectivo dar a coñecer este modo de doar e aumentar a cantidade de doazóns de plasma procedentes de doantes voluntarios e altruístas, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde.

O Plan PENAP supón un decidido compromiso na mellora á atención aos doentes e supón un esforzo por parte de todos os sistemas públicos sanitarios das distintas Comunidades Autónomas, entre elas Galicia, para potenciar un incremento das doazóns de plasma. O obxectivo da ADOS con este novo programa é acadar un aumento de doazóns de plasma que permitan a obtención de medicamentos que, posteriormente, serán utilizados no tratamento de doentes dos hospitais galegos.

Galicia foi pioneira, no ano 1994, na implantación do primeiro programa de extracción de compoñentes sanguíneos por aférese que se desenvolveu en España. Ata o momento actual, os doadores que residen nas sete grandes cidades galegas teñen a posibilidade de participar no programa de aférese, xa que os separadores celulares, precisos para este tipo de doazón selectiva, atópanse nos locais de atención ao doador de sangue. Desde este mes, arranca o proxecto de doazón de plasma mediante dous equipos portátiles que percorrerán, de xeito itinerante, distintos puntos da xeografía galega na procura da solidariedade da cidadanía.

Nesta fase inicial, o programa abrangue ás sete cidades galegas e a previsión, de cara a finais de ano, pasa por visitar concellos de toda Galicia, principalmente cabeceiras de bisbarra nas que o volume de poboación e o número de doantes rexistrados na base da ADOS, posibiliten o desenvolvemento desta iniciativa.

Utilidades do plasma

O plasma, a parte líquida do sangue, é imposible de fabricar e só pode obterse de doazóns altruístas. Ademais, o plasma extraído posúe diversas proteínas que permiten a obtención de medicamentos hemoderivados que posibilitan o tratamento hospitalario de moitos enfermos. Estes tratamentos son imprescindibles para atender a doentes con inmunodeficiencias, enfermidades graves do ril, do sistema nervioso ou do fígado.

Algúns dos medicamentos, que obtemos grazas ao plasma, son as inmunoglobulinas, factor VIII, albúmina ou alfa-1 antitripsina. A crecente demanda dos tratamentos con medicamentos hemoderivados nos hospitais, fai preciso incrementar as doazóns de plasma, polo que a ADOS, que xa posibilitaba a realización de doazóns de plasma nos locais de doazón xestionados pola Axencia, quere facer chegar este programa itinerante ao maior número de cidadáns posible.

Todas as persoas que teñen doado sangue alo menos dúas veces polo xeito convencional, pesen máis de 50 quilos e teñan entre 18 e 70 anos son susceptibles de participar.

Ademais, as doazóns realízanse baixo estrita supervisión médica e polo sistema de cita previa para evitar períodos de espera, xa que as doazóns por plasmaférese teñen unha duración aproximada de entre 30 e 40 minutos. A ADOS ofrecerá aos doantes xa rexistrados na súa base de datos, esta posibilidade e convidaralles a participar cando este programa chegue ao seu municipio.

Non obstante, a Axencia quere lembrar que a posta en funcionamento do programa de plasmaférese non supón que se precise un número menor de doazóns de sangue convencionais. Neste sentido, a ADOS lembra que todos os días continuarán a precisarse máis de 400 doazóns de sangue e convida a todos os cidadáns a participar nas campañas que promove e, neste caso, moi especialmente aos doantes habituais para que coñezan de primeira man o programa especial de doazón de plasma.

0.32302713394165