Os incendios de Vimianzo e Laxe únense nun único lume de 165 hectáreas mentres mellora a evolución do de Ribas de Sil

A Consellería do Medio Rural actualizou este domingo, con datos recollidos ata as 13.30 horas, a situación dos principais incendios forestais activos en Galicia, que afectan neste momento ás provincias da Coruña e Lugo.
No caso da provincia coruñesa, os incendios declarados na parroquia de Salto, no concello de Vimianzo, e na parroquia de Nande, en Laxe, acabaron por unirse e forman agora un único lume. O primeiro iniciouse ás 20.16 horas do sábado, mentres que o segundo comezou ás 21.55 horas da mesma xornada.
Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta de forma conxunta a unha superficie aproximada de 165 hectáreas, aínda que a súa evolución é favorable.
Nas tarefas de extinción participan, de forma acumulada, 4 técnicos, 26 axentes, 30 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 1 avión.
Na provincia de Lugo continúa activo o incendio rexistrado na parroquia de Soutordei, no concello de Ribas de Sil, que se iniciou ás 18.22 horas do sábado.
As últimas estimacións sitúan a superficie afectada arredor das 100 hectáreas. O lume tamén presenta unha evolución favorable e durante a madrugada quedou desactivada a Situación 2, que fora declarada de forma preventiva debido á proximidade das lapas ao núcleo de Chenzas.
No operativo despregado neste incendio participan, ata o momento e de forma acumulada, 2 técnicos, 19 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 5 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que o teléfono gratuíto 085 permanece dispoñible para comunicar a detección de incendios forestais. Tamén recomenda o uso da aplicación ALume, que permite recibir información sobre os lumes activos en Galicia.
Ademais, recorda que existe o teléfono gratuíto e anónimo 900 815 085 para comunicar calquera sospeita relacionada con actividades incendiarias e sinala que a información actualizada sobre os incendios que superan as 20 hectáreas pode consultarse na conta de X @incendios085.