Os ingresos do sector hoteleiro medran o 5,8% en Galicia nos sete primeiros meses do ano

O mes de xullo pechou con 644.000 persoas aloxadas en hoteis e pensións da comunidade, que realizaron 1,3 millóns de noites e supuxeron uns ingresos só ese mes de 68,3M€
1-google-hotels-curso-vegadeo
21 Aug 2026

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este venres os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que amosan un crecemento dos ingresos do sector nos primeiros sete meses do ano. Entre xaneiro e xullo, os establecementos hoteleiros galegos obtiveron uns ingresos totais nominais de 242,3 millóns de euros, o que representa un 5,8% máis que no mesmo período de 2025.

O mes de xullo marcou tamén un novo máximo histórico. Os hoteis e pensións de Galicia alcanzaron uns ingresos de 68,3 millóns de euros, un 6,9% máis que en xullo do ano pasado. Trátase da primeira vez que a facturación do sector supera os 65 millóns de euros nun mes de xullo desde que existen rexistros.

En canto á demanda, durante o pasado mes de xullo 644.755 persoas aloxáronse nos establecementos hoteleiros galegos, xerando un total de 1.334.577 noites. Estes datos mantéñense en niveis similares aos do ano anterior e confirman a estabilidade do segmento hoteleiro en Galicia nos últimos exercicios. De feito, o número de noites vén situándose arredor dos 1,3 millóns desde 2022.

No acumulado dos sete primeiros meses do ano, e á espera de incorporar os datos de xullo correspondentes ao turismo rural, albergues e cámpings, Galicia contabiliza 3,6 millóns de viaxeiros aloxados, que realizaron 6,44 millóns de noites, un 2,3% máis que no mesmo período de 2025.

Os datos de xullo tamén analizan a procedencia da demanda. O 76% das noites hoteleiras corresponderon ao turismo nacional. Dentro deste mercado destaca especialmente o turismo receptor, é dicir, os visitantes procedentes doutras comunidades autónomas, que representan o 57% do total das noites. Pola súa banda, o turismo internacional xerou 323.000 noites, equivalentes ao 24% da demanda hoteleira en Galicia.

0.35140991210938