Os médicos reclaman á Xunta que defenda ante o Ministerio un estatuto marco propio

O´Mega, o sindicato médico maioritario en Galicia, dirixiuse por escrito ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para solicitarlle que a Xunta defenda na reunión do Comité Interterritorial de Sanidade que se celebrará o mércores a demanda dun estatuto propio para médicos e facultativos.
O´Mega expresa o seu rexeitamento frontal á aprobación por parte do Consello de Ministros do anteproxecto do novo Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, ao considerar que o texto ignora as reivindicacións esenciais de médicos e facultativos e mantén sen resolver o conflito aberto coa profesión.
Para o sindicato máis representativo entre os médicos e facultativos galegos, o problema non é unicamente laboral. A falta dunha regulación propia para médicos e facultativos ten consecuencias directas sobre a calidade asistencial, a seguridade dos pacientes e a viabilidade da sanidade pública.
O Ministerio pretende pechar en falso un conflito que afecta ao corazón do sistema sanitario. Manter xornadas prolongadas, gardas en condicións insás, déficit de persoal, sobrecarga asistencial e falta de recoñecemento profesional non só prexudica aos facultativos, senón que tamén empeora a atención que recibe a poboación.
O´Mega considera que o anteproxecto aprobado polo Goberno non recoñece adecuadamente a especificidade da profesión médica e facultativa, nin garante un marco propio de regulación, nin unha mesa de negociación específica e vinculante para abordar as súas condicións laborais.
Defender un estatuto propio para médicos e facultativos non é unha reivindicación corporativa, senón unha medida imprescindible para mellorar a sanidade pública. Non pode haber unha asistencia segura e de calidade se quen ten que prestala traballa sometido a sobrecarga, xornadas excesivas e condicións que o propio sistema normalizou durante anos.
En Galicia, as mobilizacións impulsadas durante os últimos meses e o diálogo mantido coa Consellería de Sanidade permitiron alcanzar un acordo autonómico con melloras concretas en materia de gardas, descansos, retribucións e condicións profesionais.
Ademais, o Parlamento de Galicia aprobou o pasado 6 de maio unha proposición non de lei instando ao Goberno central a abrir unha negociación real e avanzar cara a unha regulación específica para a profesión médica e facultativa.
O´Mega remitiu un escrito ao conselleiro de Sanidade solicitando que a Xunta de Galicia defenda o mércores, na reunión extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a necesidade dun estatuto propio para médicos e facultativos e dunha mesa de negociación específica e vinculante.
O sindicato médico sostén que Galicia debe manter unha posición clara e coherente co xa defendido na Comunidade e que a Xunta non pode limitarse a declaracións públicas porque “se Galicia recoñeceu a necesidade dun marco propio para facultativos, esa posición debe trasladarse formalmente ante o Ministerio de Sanidade”.
O´Mega mantén a convocatoria de folga da semana do 15 de xuño e continuará impulsando medidas de presión a todos os niveis, como sindicato integrante do Comité de Folga Nacional. Por iso chama aos facultativos galegos a manter a unidade e o apoio ás mobilizacións convocadas porque “o conflito non se vai resolver con titulares nin con reformas que non entran no fondo do problema e, se o Ministerio mantén o seu inmobilismo, a mobilización terá que continuar”.