Os órganos xudiciais de Galicia reciben 96.801 casos e resolven 90.269 no segundo trimestre do ano

Os órganos xudiciais de Galicia rexistraron durante o segundo trimestre do ano un total de 96.801 novos casos, un 1,2% menos que no mesmo período de 2025. Excepto na orde social, no que o ingreso de procedementos aumentou un 1,4 %, o resto experimentaron unha diminución interanual dos asuntos recibidos, sendo a máis significativa na contencioso-administrativa, onde baixaron un 4,5 %.
Os casos en trámite practicamente se mantiveron, pois a 30 de xuño, os Tribunais de Instancia, Audiencias Provinciais e TSXG tiñan un total de 219.267 procedementos abertos, un 0,3% máis que na mesma data de 2025. No período estudado, os xuíces e xuízas da comunidade resolveron 90.269 asuntos -331,87 de media por órgano-, un 14,2 % menos, en comparanza co ano anterior. Os casos en trámite subiron en todas as xurisdicións, excepto na civil, na que descenderon un 4,9 %.
O informe estatístico Situación dos órganos xudiciais no segundo trimestre de 2026, feito público hoxe polo Servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, tamén revela que a taxa de litixiosidade, é dicir, o número de casos por cada mil habitantes, se situou en Galicia en 35,66, sendo a oitava comunidade cunha taxa inferior á nacional, que foi de 39,35. Por diante de Galicia na clasificación de territorios con menos asuntos por habitante están: Castela e León (35,33), Aragón (34,03), Navarra (33,52), Castela-A Mancha (32,34), Estremadura (31,93), País Vasco (29,35) e A Rioxa (28,81).
Datos por xurisdicións
Na xurisdición civil rexistráronse 45.689 novos asuntos, un 1,2 % menos, e resolvéronse 41.833, o que supuxo un descenso do 23,4 %. En trámite quedaron ao final do período 124.682 procedementos, un 4,9 % menos que ao final do segundo trimestre de 2025.
Na xurisdición penal presentáronse 38.957 novos asuntos, un 1,6 % menos que un ano antes; resolvéronse 36.862, un 4,3 % menos; e quedaron en trámite 59.418, un 10,6 % máis.
O ingreso de casos na xurisdición contencioso-administrativa -2.378- diminuíu un 4,5 %, mentres que os procedementos resoltos ascenderon a 2.457, un 7,1 % menos que o ano anterior, e quedaron en trámite 7.294, un 8 % máis.
Na xurisdición social contabilizáronse 9.777 novos asuntos, un 1,4 % máis que o ano anterior; finalizáronse 9.117, un 3,5 % menos; e quedaron en trámite 27.873, un 3 % máis.
Datos por provincias
Entre os pasados 1 de abril e 30 de xuño na provincia da Coruña resolvéronse 32.215 asuntos, un 15,2 % menos que nas mesmas datas de 2025, e ingresáronse 35.448, un 0,8 % menos. Pontevedra recibiu 34.350 casos, un 4,8 % menos, e finalizou 33.016 (15,2 % menos).
Na provincia de Lugo entraron 10.002 novos procedementos, un 2,6 % máis, e, na de Ourense, 10.528, un 6,3 % máis. Ademais, en Lugo resolvéronse 9.656 (un 13,8 % menos) asuntos e, en Ourense, 9.592 (13,3 % menos).
A Coruña e Pontevedra tiñan en trámite ao comezo do período estudado 92.220 e 66.815 asuntos, respectivamente, e, a 30 de xuño, quedaron abertos 95.544 (un 1,1 % máis), na Coruña, e 67.982 (4,4 % menos), en Pontevedra.
Os xulgados de Lugo iniciaron o ano con 27.819 casos sen resolver e finalizárono con 28.087, é dicir, un 1,9% máis que en 2025. A provincia de Ourense tiña en trámite ao comezo do ano 17.691 asuntos e, ao terminalo, 18.499, un 6,9 % máis.