Os órganos xudiciais recibiron 21 denuncias ao día por violencia de xénero no primeiro trimestre do ano

Os órganos xudiciais galegos con competencias en materia de violencia sobre a muller recibiron durante o primeiro trimestre do ano un total de 1.906 denuncias -21 ao día-, un 1 % máis que no mesmo período de 2025, cando se presentaron 1.887. O número de mulleres que denunciaron como vítimas no período estudado aumentou un 3,2 %, pois se contabilizaron 1.741, fronte ás 1.687 do primeiro trimestre do ano pasado.
Entre xaneiro e marzo 83 mulleres acolléronse a dispensa do deber de declarar contra o seu agresor, un 16,9 % máis que as que o fixeron nos tres primeiros meses de 2025. O número de menores (fillos/as das denunciantes) que quedaron identificados como vítimas nas denuncias presentadas ascenderon a 7, fronte aos 3 do primeiro trimestre de 2025.
A gran maioría das denuncias, o 83,47 %, foron presentadas polas propias vítimas, ben nos xulgados ou en dependencias policiais, cifra que segue sendo moi superior á das interpostas pola súa contorna familiar, que apenas alcanza o 1,67 % do total. As denuncias derivadas directamente de atestados policiais representaron o 11,75 %; as orixinadas por partes de lesións, o
2,46 %; e as presentadas por terceiras persoas alleas á contorna familiar da vítima, o 0,62 %.
Na comunidade, a taxa de vítimas denunciantes de violencia de xénero por cada 10.000 mulleres foi de 12,4, a segunda máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 18,1, segundo os datos elaborados pola Sección de Estatística para o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, que se fixeron públicos hoxe.
Ordes de protección solicitadas e concedidas
As ordes de protección, tanto as solicitadas como as acordadas, diminuíron durante o primeiro trimestre de 2026, en comparanza co mesmo período de 2025. Así, as Seccións de Violencia sobre a Muller dos Tribunais de Instancia e as prazas en funcións de garda recibiron 488 peticións, un 17 % menos que un ano antes, e adoptaron 319 ordes e medidas de protección, un 14,9% menos.
No 44 % dos casos, a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento de solicitar a orde de protección ás Seccións de Violencia sobre a Muller.
Por outra banda, os órganos xudiciais ditaron 173 medidas provisionais civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis frecuentes foron as relacionadas coa prestación de alimentos (55). Ademais, adoptaron 33 sobre suspensión do réxime de visitas; 29, relativas á atribución da vivenda; e 25, sobre suspensión da garda e custodia.
No período analizado, os xulgados impuxeron 466 medidas de protección de carácter penal, sendo as máis frecuentes a prohibición de comunicación (229) e a orde de afastamento (189).
O 93 % das sentenzas ditadas polas Seccións de Violencia sobre a Muller entre xaneiro e marzo en procesos de violencia de xénero foron condenatorias, unha cifra que alcanza o 78,7 % nas emitidas polas Seccións do Penal neste tipo de procedementos; e o 66,7 % nas ditadas polas audiencias provinciais. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron a sete persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, fronte aos tres do primeiro trimestre de 2025.
Nova competencia en materia de violencia sexual
En materia de violencia sexual (fóra do ámbito da parella ou exparella), as Seccións de Violencia sobre a Muller dos Tribunais de Instancia recibiron durante o primeiro trimestre de 2026 un total de 140 denuncias e rexistraron o mesmo número de mulleres vítimas.
Estes órganos xudiciais asumiron a competencia nesta materia o pasado 3 de outubro, tal e como establece a Lei Orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.
O número de delitos instruídos ascendeu a 143, sendo os máis frecuentes os delitos contra a liberdade e indemnidade sexuais cometidos fóra do ámbito da parella ou exparella, que sumaron 130. Séguenlles o delito de acoso con connotación sexual (8) e trata co fin de explotación sexual (5).
No primeiro trimestre recibíronse 24 solicitudes de orde de protección, das que se acordaron 15.