Os Premios Alfredo Iglesias deixan Teo tras dous anos de dificultades

A organización anuncia que busca unha nova sede para celebrar a sexta edición, prevista para o 16 de xaneiro de 2027
knowledge_book_library_glasses_textbook_information_education_literature-840721
14 Nov 2026

Os Premios Alfredo Iglesias non celebrarán a súa sexta edición en Teo. A organización anunciou que a gala, prevista para o próximo 16 de xaneiro de 2027, terá que trasladarse a outro municipio despois de dous anos de dificultades e ante a falta de apoio institucional do Concello para garantir a continuidade dunha iniciativa que leva seis edicións recoñecendo e impulsando a cultura galega.

A decisión supón un cambio de escenario especialmente significativo pola vinculación dos premios con Teo e coa memoria de Alfredo Iglesias. O municipio acolleu anteriores edicións e o propio goberno local participou nos actos. Por este motivo, a organización quixo agradecer o apoio das persoas, entidades e espazos que contribuíron a facer posible esta traxectoria.

Segundo explica a organización, a decisión está marcada tamén polas respostas contraditorias recibidas nos últimos dous anos sobre a colaboración institucional. Para a cuarta edición, o 20 de novembro de 2024, presentouse ante a Secretaría Xeral de Política Lingüística unha proposta para organizar os premios no Concello de Teo, acompañada dunha solicitude de colaboración económica.

Nas comunicacións mantidas coa alcaldesa, esta trasladou que a petición se dirixira á Xunta, que non se lle solicitara axuda ao Concello e que este "non ten nada que ver".

Por outra banda, á organización indicáraselle que, para que a Secretaría Xeral puidese colaborar, a solicitude debía tramitarse a través do Concello. Unha explicación que, segundo sinalan os responsables dos galardóns, contradí a posición municipal expresada nas mensaxes e deixa sen aclarar por que unha vía de colaboración utilizada en edicións anteriores non se impulsou nesta ocasión.

A organización asegura contar con documentación das edicións celebradas en Teo e das colaboracións institucionais vinculadas aos premios. Considera que as respostas recibidas durante este período evidencian a falta de vontade municipal para facilitar a continuidade dunha iniciativa cultural de ámbito galego.

"Non marchamos porque renunciemos aos Premios Alfredo Iglesias. Marchamos porque non atopamos o apoio institucional necesario para celebralos en Teo. O que pedimos é que se explique por que agora se pechan unhas vías de colaboración que xa permitiron que os premios se celebrasen aquí", sinala a organización.

A sexta edición manterá o recoñecemento a persoas e entidades destacadas da cultura galega. Entre as premiadas figuran Marica Campo, Loita Amada, o Consello da Cultura Galega, Manuel Vicente e Efervescencia, a Mesa pola Normalización Lingüística, Luis Davila, Elena Vázquez Cendón e Xosé Lois Bernal, Farruco.

A organización destaca a diversidade e relevancia das persoas e entidades galardoadas como mostra do alcance galego dunha iniciativa que vai máis alá do ámbito local.

Mentres tanto, os responsables dos premios están a explorar novas vías de colaboración con outros concellos e institucións para atopar unha nova sede, que será anunciada unha vez que estea pechada.

Os Premios Alfredo Iglesias continuarán coa súa actividade e manterán o compromiso coa cultura galega e coa vontade de recoñecer o traballo de todas aquelas persoas que a crean, a transmiten e a defenden.

0.37441301345825