Os Premios Feroz amplían a programación con ‘Palabra de Cine!’ na Fundación Moldes

A programación dos Premios Feroz esténdese a decembro cunha nova proposta cultural: o ciclo literario-cinéfilo Palabra de Cine! Literatura e cinema en diálogo, que terá lugar na Fundación Manuel Moldes os días 12, 16 e 23 de decembro. Tras un mes de novembro cargado de actividades e coa proxección de Romería e Los domingos —ambas candidatas aos galardóns—, a cidade continúa así mergullada no latexo cinematográfico que antecede á gala de 2026 en Pontevedra.
O ciclo celebra tres encontros culturais conducidos polo xornalista e crítico Ramón Rozas, que guiará unha viaxe pola relación entre literatura, cinema e territorio a través das figuras de Enrique Barreiro, Raquel Piñeiro e Diego Moldes. A elección da sede non é casual: as persoas asistentes poderán visitar a exposición Bicos de cine, creada por Manuel Moldes en 1992, unha serie pictórica que homenaxea o misterio e a emoción do bico na gran pantalla.
Venres 12 de decembro, 19:00 h | As Orixes: Enrique Barreiro
A primeira sesión estará dedicada á presentación de Enrique Barreiro. As orixes do cinema en cor, obra que recupera a figura do cineasta pontevedrés e inventor do sistema Yuxtacolor, utilizado xa en 1925 no filme Pontevedra, cuna de Colón.
Participan:
Carlos Aurelio López Piñeiro, autor do libro e pioneiro do audiovisual galego.
Taller Abierto, colectivo formado polas arquitectas Ana Barreiro e África Martínez, especializado en proxectos culturais e expositivos.
Martes 16 de decembro, 19:00 h | A Realidade na Ficción: Raquel Piñeiro
A segunda sesión xira arredor de Un país en la pantalla, onde a xornalista e escritora Raquel Piñeiro analiza como Galicia, Pontevedra e o conxunto do Estado foron retratados polo cinema e as series, desde o rural ata Hollywood ou o audiovisual da Transición.
Piñeiro publicou en medios como El País, Vanity Fair, Condé Nast Traveler ou Elle.
Martes 23 de decembro, 19:00 h | Conversa Cinéfila: Diego Moldes
O ciclo pecha cun diálogo entre Diego Moldes e Ramón Rozas sobre a vinculación histórica de Pontevedra co cinema, desde a época muda ata hoxe. A sesión servirá como preámbulo da presentación do novo libro de Moldes, Más grande que la vida. Escritos sobre cine 2000–2025, unha extensa obra que propón un canon fílmico do século XXI.
Moldes é escritor, historiador do cinema e doutor pola Universidade Complutense, con 15 libros publicados en España e EE.UU.
As tres sesións son de acceso libre ata completar cabida, reforzando o papel de Pontevedra como cidade culturalmente activa e cunha crecente sensibilidade cinéfila no marco dos Premios Feroz.