Os premios Follas Novas reivindicarán o papel do libro no futuro cultural de Galicia

A gala dos Follas Novas celebrarase o 26 de abril no Teatro Principal de Santiago co obxectivo de poñer en valor a produción literaria galega e recoñecer o labor de autores, editoras e librarías.
Follas Novas
24 Apr 2025

O sábado 26 de abril, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a gala dos premios Follas Novas do Libro Galego 2025, presentada polo actor Xosé Barato e amenizada pola música en directo de Mr Cool & Rubén Servide. O acto, que comezará ás 19:00 horas, reunirá a comunidade literaria para reivindicar a importancia cultural e social do libro galego.

Nesta edición, premiarase con galardóns honoríficos ao editor Manuel Bragado, ao fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva, e á escritora palestina Shahd Wadi, recoñecida como Escritora Galega Universal pola súa obra e activismo feminista.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, destacou que os premios son "a gran festa do ecosistema literario galego", convidando ao público a apoiar os libros galegos. Pola súa banda, Henrique Alvarellos (AGE) subliñou a calidade da literatura galega, mentres que Óscar Porral (FLG) incidiu na importancia das librarías e Diana Varela (AELG) demandou máis apoio internacional para os escritores galegos.

Os premios entregaranse nas categorías de ensaio, narrativa, infantil, xuvenil, poesía, teatro, banda deseñada, divulgación, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, obra traducida, mellor libro editado e promoción da lectura.

⚙ Configurar cookies
0.11506986618042